Os sindicatos abaixo asinantes denunciamos a terrible violencia que se está a vivir actualmente en Colombia a mans das forzas estatais. O pasado 28 de abril o pobo colombiano saíu masivamente ás rúas respondendo á chamada de paro nacional pola paz, a vida e a democracia e contra a reforma tributaria que pretendía levar a cabo o goberno de Iván Duque.
Non era nin moito menos a primeira xornada de paro ou mobilización que denunciaba que as políticas neoliberais do goberno de Iván Duque precarizaban cada vez máis as condicións de traballo e de vida da clase traballadora e o pobo colombiano. Tampouco era a primeira mobilización ou paro que denunciaba as ameazas e os asasinatos de líderes e lideresas sociais, campesiños, dirixentes sindicais, mulleres, montaxes xudiciais –mecanismo de represión do Estado- así como a negativa do goberno colombiano de profundizar no proceso de paz negándose a implementar os acordos de paz da Habana.
Desde o pasado 28 de abril, a feroz represión e violencia policial e militar estendéronse por todo o país. A Plataforma Grita precisou que desde o comezo das protestas se presentaron 934 detencións arbitrarias, 1.728 casos de violencia policial e 234 vítimas de violencia física. Ademais, reporta un total de 341 intervencións violentas, 37 homicidios, 26 persoas con feridas nos ollos, 98 casos por disparos con arma de fogo por parte de axentes da policía e 11 vítimas de violencia sexual. Mentres todo isto está pasando, a comunidade internacional segue sen dicir nada, permitindo que o goberno de Iván Duque continúe reprimindo impunemente o pobo colombiano.
Ante esta situación, nós defendemos a vida, a paz e a democracia en Colombia. Esiximos ao goberno de Iván Duque que cese inmediatamente de reprimir o pobo, desmonte o ESMAD – Escuadrón Móvil Antidisturbio, que desmilitarice os territorios e cidades e que escoite o clamor do pobo que demanda paz, vida e democracia.
Dereitos universais como o dereito a unha vida e un traballo digno, o dereito ao exercicio da folga e á actividade política, sindical e social, os dereitos das mulleres, o dereito á protesta social e os dereitos humanos máis elementais son vulnerados día a día en Colombia, e isto ten que acabar.
Non podemos permitir que se dean estas circunstancias nin en Colombia nin en ningún lugar do mundo. Non podemos quedar caladas ante estes brutais ataques contra os manifestantes. Apoiamos o dereito de todos os colombianos e colombianas a protestar e a alzar a voz para pedir un futuro máis brillante. Felicitamos aos sindicatos, aos movementos sociais e, en particular, aos milleiros de mozas e mozos que tiveron a firmeza de erguerse e continuar a súa protesta ante tanta intimidación e violencia da policía. O estado colombiano debe respectar o dereito democrático dos cidadáns á protesta pacífica e á liberdade de reunión.
Por todo isto, esiximos á comunidade internacional, á Unión Europea, aos gobernos europeos e autonómicos que actúen para acabar coa represión en Colombia e que activen todos os mecanismos necesarios para acabar coa violencia no país. Pola nosa parte seguiremos co noso compromiso por unha Colombia en paz e democracia onde os dereitos humanos, os dereitos sociais e os dereitos ao libre exercicio sindical xunto ao dereito á actividade política e social sexan unha realidade.
Asinan: Confederación Intersindical, CSI, CUT Aragón, CUT Galiza, IAC, Intersindical Canaria, Intersindical Valenciana, LAB, SAT, Steilas