Achegamos un texto da compañeira: Xulia Martínez Pedreira
Após a publicación da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro 2021, a Xunta de Galiza torna a poñer en práctica a “castración e doma” de aqueles chamados “Reis Católicos” benefactores, disque, dos intereses comúns para un reino de España unificado, onde a lingua galega quedou prohibida na Administración, na Xustiza, no Ensino e na Igrexa.
Esta vez a castración e doma ven da man dunha “ situación de emerxencia sanitaria” por mor da cal se dispón que: “…poderan ser elexidos candidatos que non estean en posesión do certificado acreditativo do nivel de coñecemento da lingua galega,…para o acceso á categoria da que se trate”.
A historia que non se coñece volta a vida da man de persoas manipuladoras, cheas de prexuízos e menosprezo a unha riqueza cultural, con máis de 20 séculos de historia.
Volta o: “ Hable bien. Sea patriotra. No sea bárbaro. Es de cumplido caballero, que Vd. Hable nuestro idioma oficial el castellano”, daqueles tempos pretéritos e xamais esquecidos.
A teimosía en permitir acceder a postos públicos a persoas carentes do coñecemento da lingua propia de Galiza é incumprir, unha vez máis, os mandatos e disposicións legais da UE, en relación aos dereitos lingüísticos explicitados na “ Carta Europea das Linguas Minoritarias ou Rexionais”, con data de 5 de novembro de 1992( xa choveu!). Asemade é desprezar o Estatuto de Autonomía de Galiza (Capítulo I, Artigo 27: Promoción e o ensino da linga galega), a Constitución española e o sistema democrático (disque é o que a Xunta defende) onde o seu artigo 3. 2 dispón que as demais linguas españolas deberán serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos.
Deixaremos para outro momento falar da necesidade de cambiar a denominación de “linguas españolas” cara as diferentes linguas peninsulares faladas no Estado, máis antigas que o castelán. Na miña opinión, nos tempos actuais, debe ser de extrema importancia definir coas palabras axeitadas as realidades e feitos actuais. Non debemos permitir ningunha fenda pola que poidan seguir entrando interpretacións xudiciais de xente mal pensada e ditadora que xogando coas palabras pasan de ser imputados a investigados. Unha vez máis podemos comprobar como, para o seu beneficio, a linguaxe é importante.
Conselleiras e Conselleiros a maioría absoluta non lles outorga o dereito de ter sempre a razón, nin os acredita para ditar leis e normas en contra da cidadanía.
A maioría absoluta non pode seguir agochando a súa demostrada total ineptitude a hora de buscar o ben da sociedade galega; o pobo non pode seguir padecendo políticas usurpadoras da identidade do territorio alegando, desta vez, cuestión de saúde pública.
A Lei referida máis arriba, lexisla entre outras moitas cousas sobre os beneficios administrativos regalados ás empresas do xogo (un deles é a baixada de impostos, mais disque imposible baixarllos ás máscaras por non teren competencias); sobre as medidas pertinentes a tomar na realización dos procesos selectivos cara a convocatoria de oposición adiada e continuamente manipulada, xa for por permitir novas matriculacións, ou por, a día de hoxe, non coñecer as listaxes das persoas matriculas mais nada se regula sobre o desamparo fatal a compañeiras e compañeiros de FP nin nada se lexisla a favor de solucionar a contratación, en fraude de lei, de docentes con sobrada e demostrada experiencia, en posesión de todos os requisitos esixidos polas diferentes administracións que tiveron a ben gobernar este país. Requisitos formativos, de estudos, de experiencia para desenvolver o seu labor,etc., dos que moitas Conselleiras e Conselleiros carecen e aínda así reivindican os seus dereitos á seren estabilizadas/os e a acadar un rango como funcionaria/o dentro do grao A.
Como boa galega que son e boa docente que me considero véxome na obriga de realizarlles a vostedes as seguintes preguntas:
Onde van os discursos a prol dunha educación de calidade?
Que debemos facer coas normas educativas onde falan da adaptación de currículos favorecedores da integración, sexa cal for, a lingua e o nivel académico da rapazada?
Onde debemos colocar a atención a diversidade cultural , educativa que un ensino de calidade debe gabarse de fornecer?
Quen debe adaptarse a contorna onde vai desenvolver o seu labor?
Debe ser a rapazada e todo un país os obrigados a mudaren a súa cultura e os seus costumes por unhas persoas que non os entenden?
Para nós a resposta a todas estas preguntas é unha soa:
Vostedes non buscan unha educación de calidade, con docentes cualificados, vostedes insisten en adoutrinar ás futuras xeracións no medo, no menosprezo ao seu e seguen cismando en que a educación é imposición dos ponderados ideais patrios (españois claro).
Comecei a miña alegación parafraseando a grande Rosalía de Castro, muller, galega e escritora, compre agora rematalo coas palabras dun médico, político, pintor, escritor e humanista:
“Non, o internacionalismo eficaz non deserta das patrias, senón que as transforma en órganos dunha nova humanidade”.
“Unha lingua é máis que unha obra de arte; é matriz inagotable de obras de arte”.
Sempre en Galiza (1944), A. Daniel Rodríguez Castealo.