PLANTEL DO DIARIO EL PAÍS MOBILÍZASE EN COMPOSTELA

66

Os traballadores e traballadoras da delegación de Galicia do xornal El País concentráronse esta mañán en Compostela para defender a continuidade da información galega no xornal, xa que a dirección do periódico eliminou o caderno de Galicia e limitou a información do país a dúas páxinas. A empresa ten presentado un ERE para eliminar 149 postos de traballo e na redacción de Galicia só quedarían catro dos actuais 12 traballadores, mentres que colaboradores/as e columnistas perderon tamén o espazo para publicar. O acto, que coincide co primeiro dos tres días de folga que convocou o comité de empresa do xornal, arrancou cas palabras do artista Tony Lomba, que se referíu aos ingresos millonarios do presidente executivo do grupo Prisa -ao que pertence ao diario-, Juan Luis Cebrián, que o pasado ano cobrou arredor dos 13 millóns de euros. O escritor Suso de Toro, colaborador habitual da edición galega do xornal, defendeu a “conciencia de traballadores” dos e das xornalistas e o seu labor como “defensores” do dereito á información e no senso da conciencia de clase particiou tamén o músico de Siniestro Total Julián Hernández.En nome dos colaboradores e colaboradoras da edición falou Alfonso Pato, que remarcou o espazo para a cultura que se perde co suplemento semanal Luces. Despois das palabras dun lector e de dúas bolseiras, a cantante Uxía pechou o acto. Os traballadores e traballadoras, colaboradores e colaboradoras, e columnistas contaron ata 149, como se fai cada tarde na redacción de Madrid do xornal, para recordar os postos de traballo que están en xogo. Mentres, o comité de empresa continuaba coa negociación do ERE, que remata o venres, sen que a dirección mova en nada a súa postura inicial.