O fallo do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 14 de setembro é a crónica dunha sentenza anunciada. O Estado Español ten o curioso mérito de recibir sistematicamente reproches do TXUE pola estandarización legal de diferentes formas de discriminación. Dunha forma perniciosa, as instancias xudiciais europeas acabaron por converterse nunha especie de institución que concita a fé de moitas traballadoras e traballadores. Rezan para que o que non se consigue na rúa veña dado por algún tipo de “xulgado”. E a relixión é o contrario a un movemento obreiro activo.
A citada sentenza (que se pode consultar aquí) ven interpretar a Directiva 1999/70 (unha norma europea con case 20 anos de antigüidade) no senso de que non pode sosterse un trato desigual entre as traballadoras e traballadores fixos e as interinas (temporais), no sentido de que se as primeiras xeneran o dereito á indemnización á fin do seu contrato por razóns obxectivas non hai dúbida de que os e as interinas tamén o xeneran. Unha liña xurisprudencial que coincide coa de diferentes sentenzas do TXUE que intepretaron esta Directiva.
Agora ben, o realmente sorprendente de todo isto é a festa que se armou na granxa de “Pinypón”. Pin (Toxo), e Pon (Pepe Álvarez), ou viceversa (que con estes bonecos nunca se soubo), recibiron con auténtico alboroto esta resolución. Lanzáronse a unha profunda campaña de captación de afiliación e por primeira vez semellou que lles interesaba a situación do persoal interno. Cando de certo, na Granxa de Pin e de Pon os traballadores e traballadoras temporais nunca interesaron demasiado.
Pero o que parece pasar inadvertido é que mentres a propia CES (o referente europeo das corporacións sindicais como CCOO e UGT) chegaba a acordos de equiparación entre as traballadoras temporais e as indefinidas, polo menos como declaracións de principios, Pin e Pon negociaban Reformas do Estatuto das Traballadoras e Traballadores que cada vez deixaban en maior desigualdade ás traballadoras e traballadores temporais. E non só, tamén se ocuparon de que nos diferentes Convenios a fractura entre o persoal fixo e o temporal quedase evidenciada. Por non falar da dilixencia coa que se empregaron no logro de que sectores esencialmente feminizados como a conserva ou o traballo do fogar, por exemplo, quedasen desprovistos de dereitos.
Houbo para quen a sentenza resultou tamén en parte doce ou, cando menos, interesante. A patronal, xa sexa na sede central da CEOE ou nos locais dos seus servís PP e Ciudadanos, está celebrando a posibilidade de colarnos o seu famoso contrato único. Un contrato pensado para un modelo de relacións laborais baseado nunha única realidade: a precariedade.
A CUT celebra calquera avance na igualdade laboral e recibe con agrado esta sentenza. Pero impugnamos o teatro e o espectáculo e cremos necesario poñernos en garda. Nin polos esforzo da divertida poboación da Granxa de Pin e Pon nin polas resolucións de ningún Tribunal se vai conquistar a radical e xusta igualdade entre todas as traballadoras e traballadores. A vella consigna que dita “polo mesmo traballo, o mesmo salario”, e polo tanto, as mesmas condicións, farase realidade o día que construamos un movemento obreiro consciente do repulsivo da desigualdade e, sobre todo, no momento en que nos decidamos a saír ás rúas para deixar claro que ningunha desigualdade resulta tolerable.