Persoal temporal do Concello de Compostela á folga!

409

No seo dunha ofensiva mobilizadora do persoal máis precario das Administracións Públicas contra o abuso e a discriminación, o Concello compostelán propúxose dividir ás traballadoras temporais. A contundente resposta da Plataforma pola Estabilización foi máis unidade e a convocatoria de folga o 5 de abril.

Fronte á reiterada petición de estabilización e consolidación por parte do persoal máis precario do Concello de Compostela, a Xunta de Goberno vén de responder cunha proposta de Convocatoria de proceso selectivo dirixida a excluír a grande parte dese persoal da oportunidade de estabilizar a súa situación laboral. As 59 compañeiras (10% do persoal) que levan entre 10 e 30 anos traballando nesta administración levan meses organizadas e organizados na Plataforma pola Estabilización e a Consolidación do Emprego, que ten moito que dicir.

Desta maneira a Xunta de Goberno puxo sobre a mesa un ERE encuberto para desfacerse de traballadoras con experiencia probada a través dunhas probas totalmente inxustas que lles impedirán continuar prestando servizo nos seus postos. Elas son traballadoras sociais, educadoras, informáticos, psicólogas, auxiliares… As compañeiras e compañeiros que atenden a diario a toda a veciñanza.

a entidade lanzou unha convocatoria de folga por horas o vindeiro 5 de abril, para esixir que a Mesa de Negociación Sindicatos-Concello non trate unha proposta de convocatoria que discrimine a ninguén

Na asemblea desta semana da Plataforma, como reacción, a entidade lanzou unha convocatoria de folga por horas o vindeiro 5 de abril, para esixir que a Mesa de Negociación Sindicatos-Concello non trate unha proposta de convocatoria que discrimine a ninguén. Entre as reivindicacións do colectivo están a fin de calquera tipo de exclusión, a oposición a experimentos que limiten dereitos ou agochen EREs, e a agarda á  reforma do EBEP. Así mesmo, esixen temarios adaptados aos postos de traballo, para que baixo a obxectividade aparte se destrúan postos de traballo.

A CUT celebra a resposta unitaria do persoal temporal, e o seu exemplo de dignidade e firmeza, e apoia, a través da súa representación no Concello de Compostela, a convocatoria de folga. Tamén lanza un chamado ao resto de centrais sindicais e situarse cos dereitos das máis débiles, adherir a convocatoria, e facer unha fronte común contra a destrución de emprego.