Persoal laboral marchará este 16 polos seus dereitos fronte ao Parlamento

257

O luns 16 de xaneiro, a partires das 10 horas, o colectivo de traballadores e traballadoras da administración pública galega concentraranse fronte ao Parlamento de Galiza contra a perda dos seus dereitos económicos e laborais, que o Partido Popular pretende sesgar coa modificación clandestina da Lei de Emprego Público de Galiza.

O Partido Popular agochou nos debates parlamentarios dos Orzamentos do 2017 unhas modificacións de calado da norma marco do emprego público que supón a apertura dun proceso de funcionarización, non como unha estratexia de estabilidade e de reforzo dos dereitos do persoal laboral, senón como unha estratexia para sesgar todo o conxunto de dereitos que o persoal laboral foi conquistando a través do seu Convenio Colectivo e de contundentes sentenzas que nos últimos anos axitaron o sector reprochando a arbitrariedade e o comportamento antiobreiro da administración galega.

As traballadoras e traballadores solicitaron a retirada destas modificacións contidas na Lei de Acompañamento e despois de diversas xuntanzas conseguiron apoio nos grupos parlamentares da oposición En Marea, BNG e PSdG, que de maior a menor grao de intensidade e compromiso coas demandas do colectivo esixen a retirada do conxunto do proxecto.

A CUT apoia decididamente esta convocatoria de mobilización, e demanda solucións inmediatas para revertir o proceso progresivo de precarización ao que a Xunta de Galiza está a somerter ao seu persoal, a través de diferentes estratexias de abolición dos seus dereitos, cun especial asañamento contra as traballadoras e traballadores temporais.