Como de un movemento de xadrez se tratara, o recente acordo do Goberno arxentino e Repsol sobre o litixio de YPF, fixo que Pemex pechara a compra do estaleiro Barreras. Si, a empresa PMI filial de Pemex (Petróleos Mexicanos), acaba de asinar o acordo de compra da factoría viguesa cun 51% do capital, e o restante 49%, queda nas mans dos accionistas García Costas e Ignacio Latxaga. O Comité de Empresa de Barreras e os sindicatos maioritarios, non lle faltou tempo para felicitarse, ó respecto desta operación especulativa onde as haxa. Afirman que a entrada de Pemex ven a supoñer un “bálsamo” para o sector naval. Estes representantes sindicais agora xa non falan do modelo productivo do naval, e xa non falan do “Tax lease”. O máis fácil é a fuxida argumental e asumir o discurso da patronal e da propia Xunta do PP. Non esquezamos que esta operación, foi unha das bandeiras electorais de Feijoo. A CUT evidentemente, ten unha lectura ben distinta sobre esta operación empresarial. É máis, a estas alturas o que é unha operación absolutamente especulativa da patronal, sexa Pemex ou sexa o accionariado do País, confundila con un horizonte de esperanza para o sector é un despropósito. O reinicio da actividade neste estaleiro pode ocorrer, claro que si. Pero os traballadores do sector habémonos de meter na cabeza, que haberá un antes e un despois, e o que tocará á volta de todo este despregue propagandístico, si efectivamente se reinicia a actividade, será a escravitude patronal, si ou si. Anécdotas aparte, ou o que é igual; o penso perverso destinado ós compañeiros que viven no desespero do desemprego, a operación de compra de Barreras ten todos os ingredientes de ser unha operación especulativa na percura de tecnoloxía para os intereses empresariais de Pemex, e ó mesmo tempo garantir un enclave europeo de reparacións. Confundir intereses sectorais da patronal e incluso da clase política, cos intereses obxectivos da clase traballadora, simplemente é unha aberración desde o punto de vista analítico e conceptual. Como exemplo do que estamos a falar, precisamente nestes días soubemos da condena por un Xulgado Mercantil de Oviedo, ó estaleiro Vulcano e ós seus administradores pola xestión fraudulenta, que supuxo no seu día a compra e liquidación de Juliana en Xixón. As razóns da actividade ou non actividade no sector naval, transcenden á óptica empresarial local. As dinámicas de carga de traballo e contratos neste sector, están supeditadas ás razóns estruturais do capitalismo e dos seus intereses. Que lle pregunten senón a Fernández Tapias, por que contrata a construción dos seus buques en Corea? É galego como Feijoo, ou non? O tempo falará.