A inxustiza e o espolio recóllense a moreas nos montes galegos. O Atila na Galiza volve a planear sobre a realidade nacional, esta vez en forma de muíños de vento que eufemisticamente chaman “enerxía limpa” ou “enerxía renovable”.
No seu momento os encoros franquistas asolagaron e estragaron os nosos ríos e, se os tempos non cambian, inzarán de maneira masiva os cumios e outeiros da xeografía galega. A nova ameaza álzase con aspas nos nosos montes ameazando coa mesma intensidade o noso país.
Os principais recursos (carbón, gas, petróleo…) están a seren substituídos polas mal chamadas “enerxías limpas”, que teñen moi difícil reciclaxe dos seus compoñentes, como exemplo as aspas pola súa composición. Con este cambio enfrontámonos a unha invasión eólica, a unha proliferación masiva de complexos eólicos:
– arrasan coa biodiversidade sen ningún tipo de planificación, sen valorar impactos nin danos e con cero transparencia nin opinión pública.
– agravan a despoboación do rural, ninguén quere vivir pegado a un parque eólico, interfiren nos sinais de telefonía, radio e tv, radares metereolóxicos, etc.
– danan a saúde: ruído, ondas sónicas de baixa frecuencia , ondas electromagnéticas, contaminación lumínica. Estudos afirman que poden provocar dor de cabeza, zumbido dos oídos, ansiedade, insomnio, depresión…
“A nova realidade xa é máis que ameaza, é levada a cabo por decreto do interese capitalista ca complicidade dos xestores políticos dos gobernos de Madrid e da Xunta”
Estamos ante unha ameaza real aos montes galegos e aos territorios veciñais, que quedan sen amparo lexislativo nin institucional. A nova realidade xa é máis que ameaza, é levada a cabo por decreto do interese capitalista ca complicidade dos xestores políticos dos gobernos de Madrid e da Xunta, sen que medie un debate científico ó respecto e moito menos que se conte coa opinión a veciñanza e coas persoas propietarias das terras onde se instalarán os artefactos e por onde se conducirá a rede eléctrica.
Actualmente en torno a uns trescentos proxectos de enerxía eólica están en tramitación, o cal supón un impacto irreparable no conxunto do país, poñendo en risco as nosas montañas e o equilibrio ecolóxico do rural. A Xunta vén de tramitar pola vía de urxencia os permisos de acceso e conexión a rede de 120 dos 140 proxectos pendentes de declaración ambiental que caducaban este 25 de xaneiro.
As ameazas e irregularidades destes proxectos van dende non respectar a distancias de proximidade a vivendas pasando pola invasión de zonas agrogandeiras e de espazos protexidos ou, directamente, sobre patrimonio facendo xoias históricas irrecuperables tras a ocupación. As consecuencias para a fauna, flora e poboación son catastróficas.
“As ameazas e irregularidades destes proxectos van dende non respectar a distancias de proximidade a vivendas pasando pola invasión de zonas agrogandeiras e de espazos protexidos ou, directamente, sobre patrimonio.”
É intensamente inxusto que os espazos verdes e as zonas rurais, sendo os menores consumidores de recursos, sexan os máis castigados polas consecuencias desta “transición enerxética”. Pese a sufrir a carga e os danos, as zonas castigadas nin se benefician nin opinan. As enerxías obtidas van destinadas a grandes industrias, non á poboación, de modo que as zonas explotadas nin sequera poden obter ou abaratar a enerxía que se obtén dos seus territorios.
As eólicas mariñas en proxecto (Zona Oia-Cíes e o resto na costa cantábrica) inciden directamente no sector pesqueiro dende o punto de vista socioeconómico.
Mentres tanto as eléctricas énchense os petos triplicando beneficios, e as facturas seguen subindo, desmontando o dito de “a máis parques eólicos, maior abaratamento dos recursos”. Mentira!
“Non precisamos máis eólicos, precisamos que as grandes industrias reduzan o consumo que obteñen dos montes veciñais. A demanda enerxética actual excede notablemente as necesidades reais da poboación.”
Non é compatible o uso de enerxía sen danar o ecosistema e a biodiversidade. Non precisamos máis eólicos, precisamos que as grandes industrias reduzan o consumo que obteñen dos montes veciñais. A demanda enerxética actual excede notablemente as necesidades reais da poboación. Precisamos sociedades de baixo consumo enerxético, enerxía producida de maneira local, con proxectos sostibles e respectuosos, pero non queremos megaproxectos de dominación colonial propia das economías criminais.
O cambio verde non é máis que a continuación do capitalismo: espolio de recursos, colonialismo, crise e destrución. A diferencia é que a cor dos recursos agora é galega: é verde.
Dende a CUT avogamos polo rexeitamento absoluto do capitalismo “ecolóxico” porque non haberá respecto pola humanidade e a natureza baixo o eixo mental do beneficio económico.
Secretariado Político da CUT