A clase traballadora galega demostrou que non permanece allea ao xenocidio que o estado de Israel está a cometer co pobo palestino. Esa demostración non é produto dun día ou dunha arroutada senón da solidariedade internacional que nos caracteriza, de non soportar a ignominia das organizacións internacionais e nomeadamente os estados que conforman a UE. De nada serven os actos simbólicos e os discursos solidarios se non van seguidos de medidas que poñan fin a esta vergoña.
Dende a CUT pensamos que non podemos permanecer alleas, que a acción popular contundente é o único camiño para forzar ás institucións a parar o xenocidio, e por iso, coma di o noso lema, debemos parar para parar o xenocidio. Convocamos esta folga xeral o día 15 de outubro como unha máis das mil folgas que deberán convocarse para forzar a que esta situación chegue á súa fin.
“Esta convocatoria non pretende ser unha convocatoria da CUT senón que pretende dar cobertura á clase traballadora galega para mostrar a súa solidariedade e nivel de compromiso histórico”
Esta convocatoria non pretende ser unha convocatoria da CUT senón que pretende dar cobertura á clase traballadora galega para mostrar a súa solidariedade e nivel de compromiso histórico, pois dentro de 50 anos haberá que preguntarse que fixo cada quen para combater este horror.
Chamamos pois a todas as organizacións sindicais a unirse a este convocatoria para que sexa a clase traballadora toda, independentemente das siglas que defenda, a que tome a voz nesta masacre. As siglas non importan e a CUT só pon a iniciativa para que sexamos todos e todas as que amosemos a nosa indignación.
“Non valen escusas de contactos, reunións, quen leva a bandeira, quen vai na faixa ou quen colle o micro; o importante é o pobo palestino.”
Os contextos, os tempos e a iniciativa son importantes para conseguir os obxectivos; por iso pensamos que nesta ocasión non valen escusas de contactos, reunións, quen leva a bandeira, quen vai na faixa ou quen colle o micro; o importante é o pobo palestino. A CUT non ten interese protagónico algún, só pon esta ferramenta a disposición do pobo galego para quen a queira usar.
VIVA PALESTINA LIBRE!!!
PARAR. PARAR O XENOCIDIO!!!












