Sabemos ben que no ano 1991 caeu o bloque soviético e con el a careta da socialdemocracia, que nin era social nin democrática. Esvaeuse tamén o pensamento analítico e crítico de grande parte da esquerda, sucumbindo ante as prebendas do capital.
Aínda así quedamos algunhas organizacións cuxa razón de existir é a memoria e a conciencia de clase. Por iso, dende a CUT, non imos caer no pensamento dominante e a súa linguaxe hipócrita, non imos claudicar ante a masacre do estado xenocida de Israel, un estado que foi creado no ano 1948 para expurgar a mala conciencia de occidente ante o xenocidio do pobo xudeu a mans da Alemaña nazi, xenocidio do que foron cómplices por acción ou por omisión.
Dende entón, o pobo palestino está a ser masacrado: róubanlles as terras, desprázanos, quítanlles dereitos, empobrécenos, son asasinados (directa e indirectamente) indiscriminadamente.
A Unión Europea e o “amigo americano” dedícanse a condenar atentados de Hamas desviando o verdadeiro foco de atención, que non é outro que un xenocidio planificado de Israel, xenocidio que admiten porque o comete alguén “dos seus”.
A dialéctica deste conflito está enraizada no capitalismo e no seu endémico colonialismo racista. O estado de Israel representa a grande empresa e, loxicamente, o pobo palestino é o símbolo do traballador explotado.
Reclaman os servos do capital que Israel responda seguindo os criterios do dereito internacional, pero esquecen que é Palestina a quen ten dereito a esa resposta, pois é a que sofre, todos os días dende hai 75 anos, o exterminio calculado dende o estado israelita.
Dende a CUT somos claras, estamos con Palestina e o seu dereito a respostar. Palestina vencerá.