Nesta fin de semana, a memoria do sindicalista Marcial Villamor Varela, asasinado no 1937 polos golpistas, encheu de novo o barrio de Sar. Palabras de alento sindical das entidades organizadoras, poesía da voz de Mónica Camaño, acordes de Mini e Mero, semblanzas particulares da familia ou un ofrenda floral popular encetada polo bisneto do homenaxeado, Mateo Villamor, foron algunhas das chaves nas que se desenvolveu o acto central na Praza que leva o nome do homenaxeado, na que aínda se proxecta a sombra da derruída Casa Encantada, estandarte da cultura alternativa da cidade compostelá.Laura Sousa, secretaria de organización de Adiante, devolveu a Marcial Villamor a unha actualidade que segue a ser de loita, onde debe ser enfrontada aínda a miseria política da continuidade posfranquista, ao tempo que Martin Paradelo, da CNT, lembraba que se este ebanista foi asasinado foi xustamente pola súa obra e a coherencia extrema co seu pensamento. Pola súa banda, Mari Fidalgo, da CUT, que aproveitou para poñer o acento na celebración do día da resistencia indíxena (12 de outubro), recordou que tamén aquelas outras opresións que se foron resolvendo visíbeis, como a de xénero, de opción sexual, a étnica, deben ser combatidas implacabelmente dende unha acción sindical para a que o traballo non pode xa ser o centro da atribución de dereitos nun mundo precarizado.Finalmente, pecharon unha semana de memoria a palabra de Manuel Sanmartín Varela, neto de Marcial Villamor, e Mónica Camaño, quen xunto a Mini e Mero lle puxeron o punto máis emotivo á homenaxe, que evoluíu da lembranza familiar de Manuel do seu avó, á lectura-homenaxe dun poema de Pilar Pallarés á compañeira deste por parte de Mónica Camaño, para rematar cun canto colectivo do poema Irmao de Celso Emilio, musicado por Mini e Mero.Pechábase deste xeito unha semana na que Manuel Sanmartín intervira no Bar Olvido sobre a historia familiar de Marcial, e na que Eliseo Fernández nos devolvía á fortaleza do movemento sindical da etapa republicana, sobre todo na cidade de Compostela. E pechábase cunha ofrenda de flores na que familia e asistentes deitaron craveis vermello á placa que chanta na terra de Sar a memoria deste ebanita, deste sindicalista, deste traballador, deste revolucionario.