O compañeiro Óscar Reina, voceiro nacional do SAT, visitou na pasada semana diversas comarcas da CUT en Galiza, na súa primeira viaxe oficial a este país despois de que o seu predecesor, Diego Cañamero, consolidase unha forte alianza fraternal entre este proxecto sindical do sur e a CUT.Xaora en Cangas onde departiu co noso Secretario Xeral ao redor dos vínculos entrambos os sindicatos, xaora en Vigo onde acompañou unha asemblea concorrida na que se encetaba o proceso de redifinición da CUT ou tamén en Compostela onde participou dun conversatorio coa militancia, Reina tentou explicar a dura situación socioeconómica do pobo andaluz, a caracterización do SAT como un movemento social centrado na loita contra a desocupación e a pobreza e chamou á necesidade de alianzas populares entre os diferentes proxectos das clases traballadoras do estado.Os máis de 350 anos que a acusación pública pide para 659 militantes do SAT ou o millón de euros que adebedan pola imposición de diversas sancións administrativas non impiden que Reina nos anunciase a decisión firme desta central sindical de insistir con novas ocupacións de fincas contra o monopolio da terra e a desocupación. Dende a Central Unitaria de Trabaladores/as agradecemos esta visita do compañeiro Óscar Reina e desexamos mil primaveras máis para un proxecto sindical como o do SAT, que comezou agrupando ás xornaleiras e xornaleiros do campo andaluz para representar hoxe un actor chave da transformación social a nivel internacional.