Os traballadores de Industrias Navales A Xunqueira (Moaña) acudiron este mércores en Vigo a unha xuntanza coa inspección de traballo, logo de levar máis dunha semana en folga indefinida por impagos e despedimentos, sen que a empresa fixese ningún movemento de achegamento.
O persoal do asteleiro xa presentara 3 denuncias dende marzo en inspección de traballo por incumprimento de pago de salarios, nalgúns casos de ata 5 meses. Pero a empresa en ningún momento cambiou de modus operandi e chegou a despedir a 5 traballadores, o que levou ao persoal a declararse en folga indefinida o pasado martes, 13 de setembro.
A inspección de traballo transmitiulle aos traballadores que activarán unha sanción por incumprimento de pagos, ao tempo que tramitarán expedientes relacionados con outras posibles débedas da empresa coa seguridade social.
Pola súa banda, os traballadores seguirán en folga mantendo a vixianza en varias quendas na empresa para non haxa actividade de ningún tipo durante a folga e para evitar que saquen material de valor das instalacións, mentres agardan que haxa algún movimiento da empresa para chegar a acordo no pago dos salarios pendentes.
A semana pasada, a empresa intentou sacar un veleiro das instalacións, operación abortada pola vixianza dos traballadores.
Nos 9 días de folga indefinida só se produciu unha xuntanza entre as dúas partes, na que a empresa se negou tanto á reincorporación dos despedidos como ao pago de salarios.