Os sindicatos da esquerda combativa e de clase promoverán novas mobilizacións en defensa dos dereitos do persoal temporal e interino do sector público

316

O persoal público precarizado como persoal temporal e interino en abuso de temporalidade mantemos as espadas en alto porque tras a votación do RDL nada cambiou e todo está por conseguir. Os meses de setembro e outubro serán cruciais para tentar despexar a dúbida sobre o seu futuro, e é por iso que os sindicatos alternativos da esquerda combativa e de clase, dende a máis estrita observancia da autonomía e independencia no proceso de toma de decisións, acordamos seguir con novas mobilizacións para evitar que se pretenda aplicar apresuradamente o RDL 14/2021; así como para encamiñar o seu contido na tramitación do proxecto de lei cara a posicións máis favorables ao dereito á estabilidade laboral do persoal afectado e a preservación da calidade dos servizos públicos.

Por este motivo, anunciamos para os meses de setembro e outubro:

  • Presentación de emendas totais e/ou parciais ao RDL no Congreso dos Deputados.
  • Mobilizacións descentralizadas nos distintos territorios do Estado.
  • Manifestación en Madrid dos sindicatos e plataformas de afectadas de todo o territorio estatal.
  • Folga xeral no sector público de non verse cambios substanciais e que garantan a permanencia das afectadas no seu posto no novo texto legal.

Este convulso mes de xullo que deixamos atrás, acabou con avances pouco ou nada significativos que permitan ao colectivo de persoal temporal e interino en fraude de lei ter expectativas de mellora nas súas reivindicacións pola estabilidade laboral. O Acordo acadado entre o Ministro Iceta e as organizacións sindicais CCOO, CSIF e UGT sobre o Plan de Choque para a reducción da temporalidade e a súa secuela, o Real Decreto Lei 14/2021, non convence a ninguén.

Para o persoal público en abuso de temporalidade actual e futuro estes textos constitúen unha agresión sen precedentes. Lonxe de seguir as recomendacións do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), no sentido de introducir sancións disuasorias para as administracións e entidades públicas incumpridoras da Directiva Europea 1999/70, o RDL prevé acabar coa temporalidade actual convocando un novo proceso extraordinario por concurso-oposición, o cese automático do persoal temporal que nun futuro acumule máis de tres anos nunha mesma praza vacante e a introdución dunha ridícula compensación económica en caso de despedimento.

Respecto da convocatoria de procesos de estabilización, o TXUE xa ditaminou que, en ningún caso, polo seu carácter aberto e eliminatorio, ten a consideración de sanción un concurso-oposición. Sobre o cese ou despedimento automático, hai que dicir que é unha ficción legal para simular que non hai abuso de temporalidade e a indemnización, como ben di o Tribunal Supremo, por razón da súa escasa cuantía non ten tampouco carácter sancionador; é unha compensación económica pola finalización inesperada do contrato ou nomeamento.

En definitiva, as medidas que contemplan o Acordo e o RDL non supoñen unha sanción proporcional e disuasoria para as administracións abusadoras e moito menos teñen un carácter de protección das traballadoras públicas temporais obxecto do abuso, que ademais de ser as vítimas da ilegalidade, serán as vítimas das supostas medidas de control da temporalidade.

Uns argumentos que tamén se fixeron patentes no debate do Congreso para a ratificiación do RDL 14/2021. Poucos grupos parlamentarios amosaron a súa disposición a ratificalo e, se o fixeron, foi a cambio da súa tramitación como proxecto de lei para poder introducir emendas. Este escenario obrigou á Ministra a asumir a súa tramitación como proxecto de lei e a insinuar que a fase de selección podería non ser eliminatoria ou que algunhas persoas en fraude de lei accederan directamente a un sistema de concurso.

Uns hipotéticos cambios que seguen sen cumprir as directrices do ordenamento europeo porque obvian o elemento esencial da directiva: a protección das traballadoras temporais fronte ao abuso das administracións e entidades públicas. Unha protección que só será real e efectiva se cristaliza nunha sanción que leve á estabilidade laboral deste persoal cos mesmos dereitos de permanencia e inamobilidade que o persoal funcionario de carreira e fixo.

Empregado público en abuso: esperta! Móveste ou te moven! Agora ou nunca!