Os servizos públicos son asunto de todas!

305

As traballadoras e traballadores do Centro de Maiores de Oleiros queremos denunciar e facer visibles, unha vez máis, as condicións nas que exercemos o noso traballo, e aclarar a nosa situación diante das críticas que poidan cuestionar a nosa profesionalidade e o noso bo facer.

Malia a precariedade e a presión á que se nos está sometendo, estamos garantindo á costa da nosa saúde, e en ausencia dos medios e o persoal precisos, os mellores coidados que somos capaces de ofrecer ás persoas usuarias. Son moitas as problemáticas que enfrontamos:

  • O ratio traballadora-residente é desmedido. Coidamos de 44 residentes entre 5 persoas na quenda de mañá e entre 3 persoas na de tarde. Polas noites chegamos a estar só unha auxiliar para totalidade de usuarias/os. Demandamos máis medios humanos para facerlle fronte á carga de traballo e mellorar a calidade do servizo.
  • As presións provocan que nos fagamos cargo da medicación, unha tarefa que non nos corresponde, e cuxa responsabilidade recaería sobre a propia auxiliar.
  • Carecemos dos apoios técnicos precisos para levar a cabo as tarefas. Os baños xeriátricos ou os guindastres son insuficientes e anticuados, repercutindo isto na nosa saúde física e na efectividade ca que podemos realizar as nosas funcións. O deterioro deste servizo público causa un alto índice de baixas e accidentes laborais entre as profesionais do Centro.
  • A supresión do artigo 19, obríganos a traballar de balde domingos e festivos.
  • Nas escasas ocasións en que se concede un día de asuntos propios non se cubre ás compañeiras, quedando o persoal baixo mínimos.

Por iso: queremos pór en valor e defender o traballo que estamos realizando, así como os nosos dereitos como traballadoras e traballadores que están a ser permanentemente vulnerados. Queremos explicar, que fronte a cuestionamentos que atinxen ó funcionamento do centro, non somos nós, as traballadoras precarizadas, as culpables, que non hai pola nosa parte ningún trato incorrecto ás persoas residentes e que desenvolvemos o noso traballo ca maior profesionalidade e cariño.

Queremos apelar á solidariedade e facer parte ás familias das persoas residentes e ó conxunto da sociedade da nosa loita por mellorar as nosas condicións de traballo, os recursos do centro e a atención ás persoas maiores. Fronte ó desmantelamento e a devaluación planificadas por parte da Consellería de Política Social da Xunta, o bo funcionamento destes servizos públicos tan necesarios para a conciliación e o benestar, é asunto de todas e todos.

As traballadoras e os traballadores deste centro levamos a cabo coidados fundamentais para a dignidade da vida das persoas. Nós tamén queremos coidar dignamente. Loitamos por un servizo público de calidade para todas/os!