Os despedimentos, as baixas e as mentiras de Yolanda Díaz

1060
Brais González

Opinión.- Brais González Pérez. Responsable Asesoría Xurídica da CUT.

 

 

 

O televisivo despedimento por absentismo (52.d do ET) que o Goberno quere desactivar establece, en liñas grosas, que nunha empresa cun índice de absentismo superior ao 5% (pensemos na limpeza, na conserva, na hostalaría e en moitos sectores laborais prioritariamente ocupados por mulleres que antepoñen a saúde dos outros á propia e o traballo ao propio benestar), calquera traballadora con problemas de saúde que impliquen recaídas médicas e que se ausente por esta razón entre 8 e 9 días nun período de dous meses poderá ser eliminada do mercado laboral cunha indemnización de 20 días por ano traballado.

Calquera traballadora en situación de incapacidade temporal pode ser despedida, co simple abono da indemnización de despedimento improcedente. Unha indemnización que, recordemos, en 1977 valía 60 días por ano traballado e que hoxe (o progreso!), despois de 40 anos de alternancia de reformas do PP e do PSOE, custa 33 días por ano

Ata aquí nada sorprende. O que si resulta indigno é a propaganda, a maquillaxe e a autocompracencia dun Goberno ao que lle gusta brincar coa etiqueta de socialbolivariano. A  Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, chegou a afirmar temerariamente que “o Goberno de España impide que as máis vulnerábeis poidan ser despedidas. Serán especialmente protexidas. Cando estamos doentes temos que preocuparnos só dunha cousa, de curarnos”. Tamén seica afirmou que
“cos dereitos humanos non se negocia”.

As dúas son afirmacións tan épicas como falsas. Aínda eliminada a figura do despedimento por absentismo e coa actual lexislación do Reino de España na man calquera traballadora en situación de incapacidade temporal pode ser despedida, co simple abono da indemnización de despedimento improcedente. Unha indemnización que, recordemos, en 1977 implicaba 60 días por ano traballado e que hoxe (o progreso!) e despois de 40 anos de alternancia de reformas do PP e do PSOE custa 33 días por ano. 13 días máis do que a indemnización prevista para o absentismo.

A pregunta é: na actual situación do mercado laboral, cos altos índices de precariedade e temporalidade que existen… que empresario prefire manter traballadoras en situación de incapacidade laboral a premer o botón do off polo módico prezo de 33 días por ano?

Pidámoslle emprestada a súa historia a Loreto. Obviamente, ela non se chamou nunca Loreto. Pero si traballaba dende había ano e medio encadeando contratos fraudulentos nun establecemento de comida para levar, na compostelana rúa do Hórreo, moi próxima ao lugar no que os nosos Señores e Señoras Deputadas lexislan. Máis dun e dunha achegouse, iso seguro, algunha vez a por empanada. O 14 de xuño de 2019 Loreto sofre un accidente laboral, ao virárselle unha pota de auga a ferver na que cociñaba. Con queimaduras de primeiro e segundo grao acode a urxencias. Só tres días despois, o 17 de xuño de 2019, mentres se recupera na casa do accidente, recibe un burofax despedíndoa por razóns disciplinarias. A empresa, para evitar a xudicialización do despedimento e porque estas cousas son baratas (moi baratas), amarroulle á carta de despedimento cun clip un cheque coa contía do despedimento improcedente.

Mentres o Goberno non lexisle para calificar como radicalmente nulo de pleno dereito o despedimento motivado polas nosas baixas laborais, asegurando a readmisión nos nosos postos de traballo, seguirá sen existir garantía algunha

Seguir despedindo así, de maneira falsaria, desprezando ás traballadoras, a súa saúde, o seu traballo, retribuíndo con tan solemne xesto cada unha das horas extraordinarias que quedan rexistradas no noso corpo, é perfectamente legal, e seguirá a selo despois da reforma que a Ministra propón, malia a contundencia coa que o TXUE se ten mostrado contra esa práctica no Reino de España.

Vender como un fito revolucionario e protector a eliminación dunha rebaixa da indemnización é unha irresponsabilidade política. Enganar ás traballadoras aseverando que “o Goberno impide que as máis vulnerábeis poidan ser despedidas” adopta xa o carácter tráxico de estafa institucional.

Mentres o Goberno non lexisle para calificar como radicalmente nulo de pleno dereito o despedimento motivado polas nosas baixas laborais, asegurando a readmisión nos nosos postos de traballo, seguirá sen existir garantía algunha.

Non se propón prohibir os despedimentos motivados polas incapacidades laborais, tan só que o seu prezo se eleve de 20 a 33 días por ano traballado

O certo é que esta reforma é, ao contrario do aducido pola Ministra, o máximo exemplo de que neste Estado si se negocia coa saúde e cos dereitos. Non se propón prohibir os despedimentos motivados polas incapacidades laborais, tan só que o seu prezo se eleve de 20 a 33 días por ano traballado. O que, para unha traballadora do común, se asemella máis a un insulto do que a unha fortuna.

O que nos queda por diante é moito combate sindical contra estes despedimentos que, a pesar da súa indignidade, seguirán sendo legais. Tamén quedarán moitos e inservíbeis titulares propagandísticos nos xornais. Se lle atopamos utilidade a todo este papel (que mañá xa será vello) para prender os lumes que sabemos que debemos prender nos nosos conflitos, depende da nosa coraxe. Insistimos, se non hai nulidade, non hai protección.