Os datos da infamia de Conservas Antonio Alonso S.A.

169

O 29 de novembro a empresa Conservas Antonio Alonso SA/Palacio de Oriente comunica o despedimento por causas “técnicas e organizativas” a Carmen Piñeiro, Carmen Gallego, María Ángeles Estévez, María Rosa Dios, Virginia Otero e Ángel Manuel Mariño. A dirección da conserveira di que os cambios tecnolóxicos introducidos na fábrica de Bueu, tralo incendio de 2012, fan innecesarios os 6 postos de traballo. A vileza desta saga familiar de conserveiros asentados en Bueu dende hai 100 anos non ten límites. Sobre todo, si temos en conta que Conservas Antonio Alonso S.A. presenta uns indicadores de rendibilidade superiores á media do seu sector. A continuación, para mostralo, resumimos algúns datos das últimas Contas Anuais presentadas no rexistro mercantil de Pontevedra:
1.- No exercicio 2012 a empresa facturou 23.922.182,81 euros, o que representa un incremento dun 0,3% fronte ao 2011 (23.850.571,62 euros). O EBIT (Beneficio antes de intereses e impostos) aumentou nun 405,98 % entre 2011 e 2012, pasando de 304.211,30 euros a 1.539.250,42 euros, o que implica un extraordinario aumento na rendibilidade económica. O Beneficio Neto ascendeu a 934.936,84 euros, un 712,74% de incremento fronte aos 115.035,63 euros de 2011. Desta cantidade, 834.520,84 euros foron para Remanente e 100.416,00 euros destináronse a Dividendos a distribuír no 2012 entre os socios.2.- Nos últimos tres anos o Beneficio Neto da empresa suma 1.849.438,63 euros. A conserveira conta cunhas reservas de 7.113.331,52 euros e recibiron nos últimos dez anos mais de 1.180.000 euros de axudas da Xunta de Galicia; principalmente da Consellería do Medio Rural e do Mar.3.- A facturación por traballador aumentou pasando de 222.902,54 euros no 2011 a 225.680,97 euros no 2012.4.- No 2012 presenta unha melloría notable na maioría dos indicadores de rendibilidade. A rendibilidade económica (ROA) pasou do 1,6% no 2011 ao 11,25% no 2012, a rendibilidade de explotación do 4,9% ao 15,32% e a rendibilidade financeira (ROE) do 2,33% ao 16,9%. A porcentaxe de endebedamento baixou do 30,07% no 2011 ao 14,25% no 2012.Estes poucos datos mostran unha situación económica e financeira envexable para o sector. Aínda así, e por razóns de organización da produción, despiden a 5 traballadoras e 1 traballador con mais de 30 anos na empresa. Así actúa a racionalidade capitalista, o lucro como motor da economía, co apoio das reformas neoliberais do mercado laboral. Fronte a esta decisión ruín, as traballadoras e traballadores da fábrica de Bueu inician o martes 17 de decembro unha folga indefinida. E para o seu éxito, necesitan a nosa solidariedade.