Os centros culturais reabren este luns sen formación, sen información e sen EPIs

201

A Consellaría de Cultura e Turismo vén de comunicarnos precipitadamente ás traballadoras e traballadores das bibliotecas públicas que este vindeiro luns 18 de maio temos que incorporarnos todos e todas nos postos de traballo a quendas. Nos mesmo termos incorporarase o persoal que presta servizos en Museos e Arquivos.

Cando fixeron o Protocolo polo que se establece a reincorporación dos empregados e empregadas públicas ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte á COVID-19, dende logo, non estaban pensando nos nosos centros culturais.

queren vender que todo está normalizado cando o que van conseguir é que todo o persoal se poña en pé de guerra contra estas decisións políticas que desprezan toda a normativa

As próximas eleccións fan tolear ás autoridades e queren vender que todo está normalizado cando o que van conseguir é que todo o persoal se poña en pé de guerra contra estas decisións políticas que desprezan toda a normativa que hai en materia de seguridade e saúde laboral para a Covid-19.

Entramos o luns 18 de maio coma sempre, en horario normal, sen fases nin desescaladas. Agora ben, só acudiremos ao centro o persoal auxiliar, as vixiantes e as ordenanzas e subalternos. As clases existen, e a loita de clases tamén. Tomen nota!

Nas alegacións ao Protocolo polo que se establece o “reinicio da actividade presencial dos arquivos, museos e bibliotecas de xestión da Consellaría de Cultura e Turismo e se establecen as medidad preventivas fronte á Covid-19” presentadas pola CUT o día 14 de maio instamos á Xunta de Galiza que tivese en conta o seguinte:

  • Test rápidos

Co fin de que se poida garantir que os centros culturais son un espazo de seguranza, previamente á incorporación do persoal ao seu ámbito de traballo, habería que facer probas e controis médicos, como a realización de “test rápidos” (con garantía de eficacia contrastada por laboratorio independente), co obxecto de detectar inmunoglobulinas e elaborar o mapa de afectación entre o persoal e identificar o índice asintomático III.

  • Información e Formación

Informar ao persoal por escrito e de xeito individualizado da adopción de medidas de limpeza e desinfección axeitadas en instalacións, mobiliario e equipos de traballo antes da apertura dos centros de traballo.

Todo o persoal dos centros culturais (arquivos, bibliotecas e museos) debe ter a información e a formación necesaria sobre as medidas de protección e como se deben empregar, tanto para o seu coidado persoal como para o dos usuarios e usuarias.

  • EPIs

Para a protección de traballadores e traballadoras, así como das usuarias que acceden aos nosos centros, a Consellaría de Cultura e Turismo ten que dotar a todo o seu persoal de EPIs, sendo de uso obrigatorio as mascaras descartábeis por día.

  • Barreiras de protección en mostradores de atención ao público

É imprescindible aclarar como se vai levar a cabo o proceso de entrega e devolución dos materiais en sala. Consideramos que na entrega ten que haber barreiras de protección como mamparas, ou doutro tipo se estas non son posíbeis, e ten que ser obrigatorio o uso de mácaras e luvas por parte do persoal.

Ningunha destas medidas foi aceptada. Nin formación, nin información, nin Epis, nin barreiras de protección. É dicir, nada. Nestas condicións temerarias e de claro risco obrígannos a incorporarnos ao traballo este luns?