Os cargadores: do estatuto básico ao convenio propio

412

Hai cinco anos, un grupo de traballadores e traballadoras de OS CARGADORES, empresa dedicada á carga, descarga e manipulación de peixe, que desenvolve a súa actividade en Chapela, Redondela, decidiu dar un paso adiante para frear a precariedade e a explotación que estaban a vivir. A súa valentía foi o compromiso de crer no sindicato como ferramenta de loita solidaria e a perda do medo ao patrón.

A empresa contaba cunhas 70 persoas ás que se lles aplicaba o Estatuto das Traballadoras sen mellora algunha, utilizando como contrato o fixo-discontinuo cando traballaban todo o ano, unha clara fraude na contratación.

“Ningún dos sindicatos representativos amosara nunca interese algún en salvagardar os intereses deste colectivo. Iso si, en canto promocionamos as eleccións chegaron UGT e CCOO para entrar no reparto de delegados.”

O primeiro paso que se deu foi a denuncia en Inspección por medio da asesoría xurídica, conseguindo que se viran obrigados a transformar corenta dos contratos fixos discontinuos en contratos indefinidos. Despois disto, e por medio de asemblea de traballadores convocamos eleccións sindicais, pois ningún dos sindicatos representativos amosara nunca interese algún en salvagardar os intereses deste colectivo. Iso si, en canto promocionamos as eleccións chegaron UGT e CCOO para entrar no reparto de delegados. Todo conta para os sindicatos subvencionados. A empresa traballou xunto estes dous sindicatos para evitar a presenza da CUT quedando a representación dividida en 2 delegados para nós -Celeste Malvido e Juan Carlos Da Silva-, 2 para CCOO e 1 para UGT. Estes dous últimos sindicatos manobraron para deixarnos sen cargo algún no comité, cumprindo a finalidade para a que estaban destinados.

“A pesares da pinza entre a empresa e os sindicatos do sistema, a CUT mantivo unha loita constante no sindical, no xurídico, nas mesa de negociación e, sobre todo, pelexando por un convenio propio.”

 

A pesares da pinza entre a empresa e os sindicatos do sistema, a CUT mantivo unha loita constante no sindical (facendo concentracións diante da empresa, esixindo o cumprimento de medidas de prevención), no xurídico (denuncias gañadas sobre o plus de transporte que a empresa quería incluír como parte do salario mínimo para non subilo), nas mesa de negociación (parando un ERTE que a empresa quería impór) e, sobre todo, pelexando polo que hoxe estamos a celebrar: a negociación e a sinatura dun convenio propio que, se ben non é o que quixeramos en todos os puntos, si garante melloras con respecto ao que tiñamos; e o que é máis importante, garante que a partires de agora imos ter un marco propio de negociación que estará nas mans das persoas traballadoras de OS CARGADORES e non dependerá de hipotéticas melloras do Estatuto ou de negociacións dos sindicatos maioritarios nas mesas da metrópole colonial. O convenio garante a protección dos nosos dereitos, melloras sociais, subas dos salarios base neste ano e subas salariais porcentuais para os anos 2023 e 2024.

Despois do verán iremos de novo a eleccións sindicais. A memoria será importante para saber onde estivo cada quen.