O 14 de agosto de 2019 os bombeiros do Concello de Vigo comezamos unha folga indefinida para denunciar a falta de persoal e esixir que se cubrisen as prazas precisas para o servizo. Ante isto, e malia os esforzos do comité de folga, o Concello negouse en todo momento a negociar e fixo tamén caso omiso ás sentenzas xudiciais que confirmaban a falta de persoal.
A última desas sentenzas, do TSX de Galiza, declarou ilegal o decreto de servizos mínimos que impedía, na práctica, exercer o dereito a folga (o número de efectivos en servizos mínimos era o mesmo que o dos servizos ordinarios). Tras isto, o Concello comezou un proceso, inzado de irregularidades, no que quixo facer ver que ía negociar os servizos mínimos. Porén, na realidade a súa intención non era, evidentemente, a de chegar a un acordo, senón rebentar as negociacións e impor de novo un decreto elaborado unilateralmente.
Diante desta situación, un ano e medio despois de iniciala, os traballadores decidimos que a mellor forma de utilizar agora a ferramenta da folga é desconvocándoa. Non podemos permitir que o Concello manobre, utilizando a folga como escusa, para manter as actuais condicións de traballo escravistas. Mais queremos tamén deixar claro que, se ben seguimos abertos ao diálogo (como sempre estivemos), imos continuar mobilizándonos até que encontremos solucións aos problemas do servizo. É responsabilidade do Concello garantir tanto unhas condicións de traballo seguras e dignas para os traballadores como uns servizos públicos de calidade para a cidadanía, e é responsabilidade nosa continuar a esixilo.