Os anciáns dos cárceres e os cárceres dos anciáns

1202

Varias novas en xornais nos últimos meses alármannos e obrigan a poñer o foco nunha problemática existente e metida debaixo da alfombra de novo pola Consellería de Política Social, a súa Conselleira e demais secuaces.

Titulares como “A Lama pide excarcerar ao autor do crime de Lavadores por «razóns humanitarias»” ou “A xuíza valora trasladar a unha residencia ao homicida de Lavadores” obrígannos, como traballadoras de Residencias de Anciáns e Centros Sociosanitarios dependentes da Consellería de Política Social, a alzar a voz e defender de novo a situación precaria en canto a medios, infrastruturas e persoal que padecemos as traballadoras e as moradoras destas institucións.

Somos totalmente conscientes de que nas prisións galegas, coma no resto de España, o avellentamento da poboación recluída se converteu nun desafío crecente. Co aumento da esperanza de vida e o endurecemento das penas, cada vez máis persoas maiores de 60 anos cumpren condenas en contornas non adaptadas ás súas necesidades. Este fenómeno, coñecido como “avellentamemento acelerado” en prisión, xera e agrava os problemas de saúde, fomenta o illamento e a exclusión social dentro da exclusión social e pon de manifesto a falla de recursos especializados nos sectores máis desfavorecidos. Con todo, a alternativa que se expón —derivar a estes anciáns a residencias xeriátricas ou centros sociosanitarios— non está exenta de perigos.

“Ante a sobrecarga nos cárceres, agora estase expondo a posibilidade de derivar anciáns cumprindo condena a residencias xeriátricas, baixo supervisión ou en réxime de liberdade condicionada.”

En Galicia, os cárceres como Teixeiro (A Coruña), A Lama (Pontevedra) ou Pereiro de Aguiar (Ourense) albergan a un número crecente de reclusos maiores. Segundo datos de Institucións Penais, o número de presos maiores de 60 anos en España cuadriplicouse nas últimas décadas, e Galicia non é unha excepción. En 2017, unha reportaxe de La Voz de Galicia titulado “Engurras entre reixas” destacaba como, nos anos 90, apenas había anciáns en prisión debido á baixa esperanza de vida dos internos, afectados por enfermidades como a sida e o consumo de drogas. Hoxe, con todo, a mellora nos tratamentos médicos prolongou a vida destes reclusos, pero as instalacións non seguiron o ritmo.

Ante a sobrecarga nos cárceres, agora estase expondo a posibilidade de derivar anciáns cumprindo condena a residencias xeriátricas, baixo supervisión ou en réxime de liberdade condicionada. Con todo, esta opción expón riscos significativos, especialmente en Galicia, onde as residencias amosaron fraxilidades en canto á xestión, seguridade de traballadores , reforzo de persoal, falta de infraestruturas adaptadas aos novos tempos …e un longo etc de carencias que a administración non subo ou quixo liquidar.

  • Falta de adaptación a novos perfís e riscos sociosanitarios

Derivar presos anciáns a residencias ou centros sociosasnitarios, sen persoal médico especializado para manexar problemas como historiais de adiccións, enfermidades psiquiátricas, problemas conductuais, aumentando o risco de agresións, descompensacións ou deterioraramento acelerado, non é só unha temeridade; é en todos os casos UNHA NEGLIXENCIA INSTITUCIONAL.

  • Mestura de poboacións vulnerables e agravamento dos conflitos preexistentes e aínda sen solucionar

Un perigo chave é a convivencia inadecuada. A decisión de ubicar pacientes novos con patoloxías psiquiátricas (e en moitos casos con adiccións diversas) en residencias de maiores , atendidos por médicos con nula especialización nestas patoloxías, xerando situacións de gran tensión e mesmo agresións verbais, físicas ou sexuais tanto a traballadoras como a outros residentes está a xerar unha situación de grave risco.

Por unha banda, as persoas residentes —moitas delas dependentes, fráxiles e con deterioro cognitivo— viven con medo e inseguridade ante episodios de violencia verbal ou física difíciles de controlar nuns centros que non están preparados para este tipo de ingresos.

Por outra banda, o persoal técnico en enfermaría, as mal chamadas auxiliares, enfróntanse a unha sobrecarga insostible: deben atender as necesidades propias das persoas maiores, ao tempo que asumen condutas complexas que requirirían recursos especializados e formación específica. Isto tradúcese en estrés continuado, baixas laborais e un desgaste físico e emocional enorme.

As residencias deben ser espazos de coidado e tranquilidade, non centros penitenciarios nin psiquiátricos. Mesturar colectivos tan diferentes non só é inxusto senón inhumano e perigoso.

Traballadores de Centros Residenciais como o CRAPD de Vigo, veñen denunciando esta situación desde o ano 2023. Traballan diariamente con medo por elas mesmas e polo resto de anciáns, ao vérense obrigadas a traballar e convivir con pacientes de saúde mental, chegando a sufrir ameazas e as agresións anteriormente citadas . Tamén no ano 2024, as traballadoras da Residencia Asistida de Maiores de Oleiros describiron a situación desta mestura de patoloxías no centro como “unha pota quente a piques de estourar”, chegando mesmo a enviar un recurso de amparo á Valedora do Pobo (que lles deu as costas e se desentendeu de todo, dito sexa de paso) e saíndo publicado un extenso artigo en prensa.

Se se derivan presos anciáns —moitos con antecedentes de violencia ou problemas mentais non resoltos—, podería incrementarse o risco de conflitos, illamento ou mesmo abusos, tal como se denunciaron publicamente en varias ocasións casos de malos tratos permanentes en residencias galegas, sendo a Conselleira Fabiola García a responsable , totalmente consciente pero parecendo incapaz de dar solución a esta grave situación.

  • Precariedade laboral e estrutural

As residencias en Galicia enfrontan diariamente condicións precarias: falla de persoal , ausencia de protocolos claros en caso de agresións, inexistencia de cursos de formación, escasa ou nula existencia de seguridade, presenzas insuficientes en quendas de tarde e noite…  En 2024, a Xunta eliminou o servizo presencial de enfermería 24 horas en grandes residencias, agravando a vulnerabilidade do servizo. Ademáis, actualmente as listas de espera para obter unha praza residencial en Galiza, aparte de opacas convertéronse en interminables, deixando a miles de familias facendo malabares para poder atender aos anciáns nas súas casas e, noutros casos, tendo que asumir os altos prezos das residencias privadas, chegando moitas destas familias a terminar na ruína. Derivar presos, sen dúbida sobrecargaría un sistema xa de por si ao borde do colapso, expoñendo a residentes civís a riscos innecesarios.

“Algúns estudos, como os da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía (SEGG) advirten que as residencias non están deseñadas para perfís penais, e normativas como a Orde de 2007 da Xunta de Galicia para acreditación de centros non contemplan estas derivacións.”

Algúns estudos, como os da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía (SEGG) advirten que as residencias non están deseñadas para perfís penais, e normativas como a Orde de 2007 da Xunta de Galicia para acreditación de centros non contemplan estas derivacións.

A problemática dos anciáns nos cárceres galegos require solucións urxentes: módulos penais adaptados, programas de saúde mental , módulos xeriátricos… Derivalos a residencias, aínda que pareza humanitario, conleva graves perigos como a falta de especialización, riscos sanitarios e conflitos sociais, agravados pola xestión actual da Xunta.

“É esencial investir en modulos especializados ou híbridos nos cárceres, con supervisión penal, para garantir a dignidade destes reclusos sen comprometer a seguridade da poboación vulnerable e sen comprometer a uns profesionais especializados en xeriatría, non en penitenciaría.”

É esencial investir en modulos especializados ou híbridos nos cárceres, con supervisión penal, para garantir a dignidade destes reclusos sen comprometer a seguridade da poboación vulnerable e sen comprometer a uns profesionais especializados en xeriatría, non en penitenciaría.

Non queremos estigmatizar aos reclusos, do mesmo xeito que no seu día non quixemos estigmatizar aos pacientes psiquiátricos.

Queremos instalacións adaptadas a cada tipo de perfil. Da mesma maneira que os peixes non poden convivir na mesma contorna natural que os leóns, non podemos pretender que os anciáns, convivan diariamente con presidiarios, por moi maiores que sexan uns ou outros.

Só así poderemos evitar que o avellentamento tras as reixas se convirta nun esquecemento definitivo ou o avellentamento nas residencias nuns últimos anos de inseguridade, medo e agresións.

Só así poderemos conseguir que os pacientes psiquiátricos teñan unha vida digna, plena, e unha reinserción na sociedade.

Só así poderemos alcanzar a dignidade para os nosos anciáns, que día a día, construíron o estado social e de dereito, do que agora gozamos.

Só así poñeremos en valor o traballo dos PROFESIONAIS de atención directa destes centros.

Só así poderemos dicir que comezamos a ser, unha sociedade SOLIDARIA, XUSTA E AVANZADA.

EXIXIMOS que a Consellería de Política Social garanta que as persoas maiores poidan vivir con dignidade e que o persoal conte con condicións laborais seguras e respectuosas.