Orgullo e camiño, traballadoras feministas contra o patriarcado e o capitalismo #25N

246
Mani do 1º de Maio de 2017

 

O patriarcado e o capitalismo baten en nós pero os seus golpes non sempre deixan o mesmo tipo de feridas. As reformas laborais, os recortes no sistema sanitario e educativo e a lei de dependencia súmanse ás ofensivas machistas que defenden o papel da muller como ama de casa e coidadora dentro do fogar. Isto tamén beneficia ao capitalismo que se nutre do traballo das tarefas domésticas e dos coidados realizados maiormente por mulleres sen obter remuneración a cambio.

Así, cando se fala da violencia machista estrutural, o que se pretende dicir é que afecta á mesma raíz da estrutura da sociedade, é dicir, que forma parte da base sobre a que se configura. A violencia do heteropatriarcado tece a estrutura de poder para manter a dominación masculina, reprimir a fortaleza das mulleres ou reconducir a súa valía cara determinados ámbitos, como a familia ou fogar, para que non interfira na hexemonía masculina heterosexual.

A violencia do heteropatriarcado tece a estrutura de poder para manter a dominación masculina, reprimir a fortaleza das mulleres ou reconducir a súa valía cara determinados ámbitos

Ao adoptar este carácter estrutural, as súas agresión naturalízanse dentro das prácticas sociais cotiás. Por exemplo, o patriarcado tamén interfire na configuración dunha cidade na que non hai lugares públicos ocupados por mulleres ou nese local onde o cambiador de pañal está no interior do aseo específico de mulleres. Ante estas violencias, repunta a loita feminista e de clase resultando imprescindíbel para desmontar as bases patriarcais e deixar que a lexitimación que sustenta as agresións rache dunha vez por todas.

Fronte a xustiza patriarcal que responsabiliza á vítima da agresión, érguese o movemento berrando ‘irmá, non estás soa’. Ante os insultos misóxinos e racistas contra unha compañeira do fogar insistimos que ‘Gloria somos todas’. Levamos os petos cargados de pedras para cando a compañeira, que sufriu acoso sexual do seu ex xefe, diga ‘xa!’. Estamos atentas a como nos tratan porque todo o que non é botrato -así, escrito todo xunto- é maltrato -escrito todo xunto porque tamén é unha única palabra-.

Fronte a xustiza patriarcal que responsabiliza á vítima da agresión, érguese o movemento berrando ‘irmá, non estás soa’

Non confiamos no feminismo reformista nin pensamos que o Estado e as súas institucións van frear a violencia machista e estamos aquí en pé e traballando para erguer unha alternativa a esta visión. Somos nós, traballadoras e feministas, porque non limitamos a loita pola emancipación á busca de castigo por parte do Estado ou a unha pequena e pactada ampliación de dereitos. Se somos feministas e sindicalistas da Central Unitaria de Traballadoras é porque defendemos a autorganización das mulleres nos centros de traballo, nas vilas, nos sindicatos, nas organizacións estudantís, etc., de xeito independente e batendo contra a violencia lexitimada desde as institucións e loitando polos nosos dereitos e liberdades.

Dende esta posición, cómpre manter esta loita en alianza cos demais sectores oprimidos e explotados da sociedade para acabar co patriarcado e co capitalismo. Debemos prepararnos para o hoxe e dende o xa, formadas e acompañadas polas nosas compañeiras, dispostas para resistir con ideas a momentos de opresión e erguerse con forza ante a inxustiza. Orgullo e camiño, as feministas sindicalistas combatendo xuntas o patriarcado e o capitalismo!