A operación transición, Catalunya na equidistancia

156
Ricardo Castro é secretario xeral da CUT

Para ser clase traballadora non chega con traballar nunha fábrica, precisamos ter conciencia de formar parte dela e actuar en consecuencia; ben sabemos que nas fábricas abonda a esquirolaxe, a infección pequeno burguesa e o sindicalismo ao servizo da patronal. Non chega con estar, hai que ter vontade e conciencia de ser.

De igual modo non chegan unhas siglas ou un discurso, ben estruturado no ideolóxico e no estético, para dicir que somos de esquerdas; tamén sabemos que as siglas e os discursos agochan vendedores non de fume, senón vendedores da clase traballadora e do común.

Quen hoxe mantén posicións equidistantes con Catalunya baseándose na suposta legalidade, en supostas saídas dentro do marco constitucional non fai máis que facerlle o xogo a unha data, xullo de 1936, e a un modelo económico, o capitalismo neoliberal.

 

Aquel xullo de 1936 houbo un golpe de estado, seguido dunha guerra e represión descarnadas, e de 40 anos de ditadura. Á morte do ditador prodúcese o cambio político acordado: a II Restauración Borbónica en mans do xefe de estado elixido por Franco en 1969. O cambio consistía en deixar todo como estaba parecendo que mudaba radicalmente, a esta operación chamárona “Operación Transición”, con ela deixaron o poder económico nas mans dos mesmos, deixaron sen xulgar ao Exército e á Guardia Civil, deixaron á Igrexa impune, deixaron a todos os que sostiveron a ditadura libres de todo cargo e a cargo do novo réxime; e deixaron as cunetas con miles de mortos, deixaron a cal viva, as rúas con nomes fascistas, as medallas de honra aos torturadores, as cruces… e pecharon a historia coa Constitución Española de 1978.

A ilusión volveu á clase traballadora, só faltaba o acontecemento e chegou co pulso catalán. Non houbo, dende a morte do ditador outro momento histórico no que se mirara o réxime tan contra as cordas, pero aqueles que falaban de desmontar ese réxime do 78 optaron pola equidistancia e as escusas, maquillando o discurso con elementos nacionais cando a confrontación é contra o sistema e contra o seu aval: España.

Os vencedores, de novo escribindo a historia, sacralizan a Constitución, beizóns para o exemplo da democracia española alcanzada polo pobo, agradecementos á monarquía que nos salvou da ditadura, que simpático e bonachón o Juanca. E ano tras ano, reportaxe tras reportaxe, telexornal tras telexornal, libro tras libro mitificando a gran mentira.

E como o fixeron? Pois coa complicidade da equidistancia: non é tempo de abrir feridas, non molestemos con cousas do pasado non vaia ser. E o novo réxime tivo ao seu servizo ao PSOE e ao sindicalismo de UGT e CCOO. Todo ben.

E pasaron os anos, sempre pasan, mentres afianzaban o sistema, reprimían, explotaban e roubaban a mans cheas ata que todo estoupou nas prazas, e das prazas saíron discursos e dos discursos novas forzas políticas que chegaron ás cadeiras parlamentarias falando de romper co réxime do 78. A ilusión volveu á clase traballadora, só faltaba o acontecemento e chegou co pulso catalán. Non houbo, dende a morte do ditador outro momento histórico no que se mirara o réxime tan contra as cordas, pero aqueles que falaban de desmontar ese réxime do 78 optaron pola equidistancia e as escusas, maquillando o discurso con elementos nacionais cando a confrontación é contra o sistema e contra o seu aval: España.

Xa temos os novos actores progresistas para dar un novo salto cara atrás, tan só nos queda darlle un novo nome á operación. Admítense propostas, a miña é OPERACIÓN DISTRACCIÓN.