ONDE ESTÁN OS SINDICATOS DO ENSINO?

184

ONDE ESTÁN OS SINDICATOS DO ENSINO?

A piques de ser publicada no DOG a oferta de estabilización ordenada pola Lei 20/2021 de Redución da Temporalidade nas Administracións públicas, a Xunta de Galicia rexeitou a ocasión para dar fin ao problema da temporalidade na administración galega.  Sabemos ben das intencións de afogamento dos servizos públicos para xustificar subvencións, subcontratas e externalizacións como gran nicho de mercado para os dirixentes do PP e os seus amigos empresarios, e isto pasa pola precarización dos servizos e do seu persoal. 

As organizacións sindicais presentes nas  diferentes mesas de negociación no ámbito autonómico, tiveron tamén unha ocasión única para facer emerxer esta realidade de depauperamento dos servizos públicos e convertela nun conflito social de primeira orde que fixera fronte a esta realidade. Pero deixaron facer á administración de novo, por inacción e omisión de información para garantir a paz social da man do goberno que apisona á clase traballadora. 

Non hai organización sindical no ensino que se decidise a asumir a loita polo fin da temporalidade nin dende o espazo negociador (UGT, ANPE, CCOO, CIG) nin dende a representatividade fóra da mesa (STEG ou CSIF). Só a asemblea de traballadoras, como máximo órgano de decisión colectiva, foi quen de levar a cabo un proxecto real de defensa dos seus postos de traballo, primeiro coa fundación da USDG e logo integradas na CUT, tras petar nas súas portas sen resposta. 

Por vez primeira na historia, a estabilización do persoal docente non foi pelexada polos sindicatos con capacidade negociadora, senón directamente dende as rúas con centos de docentes nas mobilizacións en Compostela, Coruña, Madrid, 4 xornadas de folga no último ano e unha mobilización xeral para a presentación dunha ILP (Iniciativa Lexislativa Popular) con máis de 10.000 sinaturas que foi debatida no Parlamento galego. 

  Esta situación é terrible para o sindicalismo e amosa a distancia abismal que separa a realidade das traballadoras, e as súas reivindicacións como clase explotada, da realidade burocratizada do sindicalismo das administracións públicas. Dos seis sindicatos do ensino con liberacións, horas sindicais e capacidade organizativa e económica para levar adiante este conflito, ningún deles aceptou a loita,  asumindo que as traballadoras a levasen adiante cos seus propios medios. 

No mellor dos casos, emitiron algún comunicado no que suman elementos ao espello cóncavo no que se miran, criticando ou cuestionando as formas das traballadoras ás que negaron auxilio nestes 4 anos e sen achegar solucións ou avances para a fin do conflito ou mesmo atribuíndose algún avance sen ruborizarse. 

Non se nos escapa que de ter vontade sindical, a aplicación da Lei 20/2021 iría sobre máximos e non sobre mínimos. Nada agardamos para a clase traballadora galega dos sindicatos UGT, CCOO e ANPE con intereses alleos ao país, pero a forza e maioría da Mesa está en mans do sindicalismo da CIG que decidiu de forma inexplicable non erguer a súa bandeira pola fin da temporalidade dos docentes galegos. 

O Ministerio de Educación, mesa estatal onde tamén ten un representante a CIG, puxo sobre a mesa un concurso de méritos a nivel estatal no que os docentes temporais poden optar á estabilización nas diferentes comunidades autónomas, co mesmo mecanismo do CXT estatal. Isto vai levar a centos de docentes galegas á emigración para conseguir un posto estable tendo en conta o escaso número de prazas ofertadas na Galiza. 

A consecuencia da negativa á acción sindical, que nos afasta dun sindicalismo de rúa, de escoita da voz das traballadoras e dunha incomprensible paz coa patronal é a publicación inminente no DOG dunha moi insuficiente oferta de prazas para a consolidación que levará a seguir desgastando os recursos, tempos e vidas do persoal temporal en loitas nas rúas e pleitos xudiciais. Aínda hai marxe de actuación, posto que a oferta pode ser ampliada ata a súa convocatoria, só é cuestión de vontade. De ser executada como está, centos de docentes temporais veranse fóra do ensino nas especialidades pequenas ou ben concursando en Andalucía ou Murcia. 

A importancia desta actitude pasiva vai máis aló do propio conflito da temporalidade. De que maneira imos facer fronte á vaga privatizadora que xa está presente na FP e retomaremos a democratización dos centros, da asemblea no claustro e consello escolar como órganos decisorios lexítimos no funcionamento dos centros públicos? Como imos ser quen de devolver á clase traballadora o poder de decisión nos servizos de todas se deixamos facer á administración o que quere cos nosos dereitos laborais?  Se os sindicatos non fomos quen de encabezar unha loita pola consolidación dos postos de traballo, como imos acadar a baixada de rateos, de horas ou calquera outra mellora laboral? 

 Dende a CUT queremos chamar á reflexión á CIG Ensino como único sindicato galego irmán e volvemos tender a man para construírmos unha saída ao conflito da temporalidade e traballar xuntos. A CIG Ensino debe dar un paso adiante ou será a responsable de deixar que o noso profesorado en fraude de lei véxase na obriga de concursar fóra do país para estabilizar o seu posto tras anos de desempeño nas aulas galegas. Precisamos máis prazas de estabilización na Galiza para evitar esa saída de profesorado cara outos lugares do estado. Non podemos permitirnos perder este potencial humano na nosa terra estando na nosa man facer fronte a esta situación.

Volvemos chamar unha vez máis á CIG a encabezar unha postura firme contra esta oferta de prazas e exixir procesos de estabilización reais que deixen ao profesorado galego no país.