OBXECTIVO RUEDA: CUT CONVOCA Á CIG E AO STEG Á MOBILIZACIÓN UNITARIA O 14 DE MAIO ANTE A DESIGNACIÓN DE ALFONSO RUEDA POLA CONSOLIDACIÓN.

201

A CUT avalía positivamente o paso adiante que se deu coa folga no ensino do día 3 de maio e chama a unha grande mobilización do profesorado fronte á toma de posesión de Alfonso Rueda.

O profesorado sabemos ben do valor pedagóxico da paciencia e da persistencia. Por iso celebramos que na xornada de mobilización asociada á folga do 3 de maio teñamos dado un paso adiante na mobilización, demostrando que, con vontade e intelixencia, mesmo un sindicato modesto como a CUT pode catalizar para avanzar o descontento das milleiros de docentes desprezadas no proceso de estabilización.

Se nun momento tan tráxico para as traballadoras do ensino a representación sindical tradicional se limita a xestos teatrais que morren nas mesas de negociación ou, no peor dos casos, prioriza as campaña electoral de fin de ano, abandonando a urxencia e a necesidade das e dos milleiros de docentes cos postos de emprego en risco, onte o profesorado consciente aprobaba intensificar a loita pola consolidación.

Se hai dous anos se nos dicía que un escenario de consolidación era imposíbel e mesmo ilegal, hoxe hai unha lei marco que posibilita a estabilidade do emprego. Con todo, un proceso real depende de dous factores: que a Xunta abandone o seu inmobilismo, e que se forme unha auténtica masa crítica social na mesa de negociación.

Por iso, e da mesma maneira que fixeron as nosas compañeiras da CRTVG ao convocar a folga pola consolidación ante a que Alfonso Rueda cedeu para tomar posesión nun contexto de paz social ordenando a convocatoria da OPE Extraordinaria máis avanzada que Función Pública aprobará, o Comité de Folga propúxose un horizonte claro: o obxectivo Rueda. Se non respectan o noso dereito a consolidar, non permitiremos que tome posesión nun contexto de paz.

Ante a actual debilidade e inestabilidade de Alfonso Rueda, e a súa vontade de asumir a Presidencia sen conflitos sindicais, facemos un chamado aos sindicatos que por natureza deberan a darlle soporte a este tipo de mobilización, CIG e STEG, para promover conxuntamente unha grande mobilización o día 14 de maio, data da toma de posesión.

É certo que dende a CUT levamos realizado todo tipo de chamados e propostas de mobilización sen ningún tipo de resposta sindical. Mais tamén o é que confiamos no intelixencia sindical, a capacidade de rectificación e, especialmente, na toma de consciencia de que non existe un momento tan chave para tomar as decisións debidas coma este. Nunca as deliberacións sindicais resultaron tan decisivas para o emprego como agora.

Para isto esta mañá remitirase unha convocatoria ao STEG e á CIG coa petición dunha xuntanza intersindical urxente antes do sábado 7 de maio, coa fin de programar unha mobilización conxunta o vindeiro 14 de maio e mostrarlle a Alfonso Rueda que o profesorado non é o seu xoguete roto, e que permanecerá á súa fronte na defensa do traballo estábel e digno e dun ensino de calidade.

O 14 de maio, día da designación de Rueda, danse dous escenarios posíbeis: o desexábel dunha mobilización plural, diversa e contundente da CIG, STEG e CUT, ou, de se reiterar a falta de resposta, que a CUT deba defender en solitario pero decididamente e con éxito esa convocatoria. Se ben informaremos do resultado da proposta, a CUT está a poñer xa en marcha a organización dunha rede de autobuses para o desprazamento ao Parlamento Galego nesa xornada e contribuír ao éxito desa mobilización. Porque, no formato que for, por nós non quedará sen dar cada paso que estea da nosa man para obrigar á Xunta a desenvolver un proceso real de consolidación.

Reserva a túa praza de autobús.

Para dirixirte a nós, interesarte polo percorrido previsto da rede de autobuses para o día 14 de maio de 2022, ou reservar prazas para ti, as túas compañeiras e compañeiros, familiares e amizades, entrar en contacto coas persoas responsábeis en cada zona ou ofrecerte a mover reservas, escríbenos en cutensino@cutgaliza.org