A CUT Ensino chama ao profesorado galego a dar un paso adiante contra a precariedade no emprego durante a toma de posesión de Alfonso Rueda o vindeiro sábado 14 de maio, quen se sitúa agora máximo responsable da brigada de demolición do ensino público galego. Este paso cara adiante acordado polo Comité de Folga do pasado día 3 pretende forzar á Consellaría de Cultura, Educación e Universidade ao cumprimento rigoroso do proceso de estabilización nun contexto no que as administracións monopolizadas polo PP, e postas ao servizo dos seus intereses electorais, procuran a paz social para a presentación pública de Rueda.
Esa paz non será posible mentres persistan na estratexia de liquidación de emprego contra o espírito da Lei 20/2021 procurando máis precariedade e inestabilidade para o persoal temporal, desaproveitando a oportunidade de lle dar unha solución a este drama laboral e humano. A tres semanas do cumprimento do prazo para a presentación das OPEs extraordinarias a ausencia de propostas dignas de ser consideradas debe ser respondida coa mobilización masiva das e dos docentes.
A petición de xuntanza ao STEG e CIG que a CUT remitiu o pasado 4 de maio para a convocatoria dunha mobilización unitaria caeu en saco roto, sen que na data de hoxe teñamos sequera unha contestación aceptando, declinando ou mesmo discrepando dos termos do noso pedido. Mais como adiantabamos, o apuro e a urxencia do calendario desta nova OPE non permite dilatar máis os tempos das mobilizacións. Por todo iso, o 14 de maio, Rueda tomará posesión entre a expresión de rabia dunha docencia galega que exixe un cambio de rumbo. O noso convite a participar desa expresión de malestar nas rúas segue aberto a quen se quixer sumar.
Non imos consentir que a maior administración galega prevarique e eluda a lei de estabilización. Tampouco que se mofe do profesorado galego cunha execución aparente. As que sostemos, en parte, o sistema público de ensino somos as que temos a responsabilidade de defender agora nas rúas o seu futuro.
Transporte colectivo para a mobilización.
Estanse a organizar dúas liñas por Ourense-Pontevedra-Vigo e Ferrol-A Coruña para asistir á concentración o día 14 de maio. O prezo do billete son 10 € para a individual, ou 8 € para asistentes en grupo.
Podes reservar a túa praza no noso mail cutensino@cutgaliza.org ou nos locais da CUT de Ourense, Vigo, A Coruña, Cangas e Compostela. Trae aos teus amigos e familia. O ensino público é cousa de todas*.
* A mobilización será en horario de mañá. Pecharanse horarios de saída e chegada na próxima semana.
POR UN ENSINO DE CALIDADE E POLA DIGNIDADE DO PROFESORADO: ESTABILIDADE!
CONCENTRACIÓN SÁBADO 14 NO PARLAMENTO DE GALICIA