A CUT Ensino chama a continuar coa mobilización ao profesorado galego, contra a precariedade no emprego, durante a toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente do PP de Galicia o vindeiro domingo 22 de maio, partido responsable das políticas destrutoras do público.
A CUT seguirá a aguilloar aos responsables da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade a 2 semanas da publicación da oferta para o proceso de estabilización nun clima de tensión social provocado polos xestores do PP e a súa teima en manter taxas de temporalidade tendo na man a posibilidade da consolidación real do profesorado.
Seguindo o calendario acordado no Comité de folga do día 3 de maio, os docentes galegos estaremos no Recinto Feiral de Pontevedra fronte aos dirixentes do Partido Popular de non darse un xiro na oferta de emprego de consolidación que inclúa a todo o persoal en fraude de lei na contratación.
Instamos á Consellería de Educación a ampliar os criterios no reconto de prazas a estabilizar e abandonar a política impresentable da domesticación do profesorado temporal en base á suposta dádiva dun acordo de interinos con data de caducidade moi próxima. O profesorado temporal en abuso non é a mascota para os xogos de prazas, ratios, afíns e recortes de Canosa, Román e Rueda.
A 15 días dunha oportunidade da Xunta do PP de dar saída ao conflito con vontade política non imos aceptar ningunha proposta que non inclúa a estabilización e a supresión da temporalidade no ensino público. Se o goberno do PP non dá pasos para a solución, o Comité de Folga adoptará medidas de maior contundencia na vindeira semana.
POR UN ENSINO DE CALIDADE E POLA DIGNIDADE DO PROFESORADO: ESTABILIDADE!
CONCENTRACIÓN DOMINGO 22 Ás 12.00 h NO RECINTO FEIRAL DE PONTEVEDRA