Obxectivo prioritario: aulas 100% inclusivas e diversas.

124

Hoxe é 28 de xuño e unha chea de actos institucionais como tamén dende os movementos sociais colorearán o país con música, charlas, encontros e actividades de reivindicación da realidade diversa na que vivimos.

Porén, nas aulas o 28 é xa xornada non lectiva e isto, dado o noso costume de cumprir o calendario de efemérides e esquecer cada asunto o resto do ano, pode ter, a pesar da ausencia unha lectura en positivo.

Non hai día lectivo para celebrar a diversidade no calendario de conmemoracións da Consellería, e aínda que todo suma, non debe ser necesario xa que a diversidade habita en nós, nas aulas, nas salas do profesorado e é unha tarefa de concienciación permanente en cada materia, en cada explicación e ollada cara o interior dunha aula galega.

O ensino é unha arma cargada de futuro, unha arma revolucionaria que ten que acompañar á clase traballadora e en especial ás máis precarizadas, desprotexidas e vapuleadas polo sistema hereropatriarcal que todo o domina.

O estudantado galego é diverso nos seus sentires, identidades e expresións de xénero. E ademais estamos ante unha xeración que adiantou en moitos casos na aceptación e comprensión da diversidade aos seus propios mestres. Pero non se chegou aquí de forma fortuíta senón grazas ao esforzo de docentes e activistas dentro e fóra das aulas que axudaron a construír unha conciencia moito máis diversa, plural e rica sobre a sexualidade, o xénero e as relacións afectivas.

É de agradecer, e así o facemos os compañeiros da CUT, a loita individual de moitas e tamén o traballo dende a base cara a construción colectiva, emprendido no Politécnico de Vigo, con agresións continuadas, polas compañeiras que ergueron a bandeira coa creación da Rede Educativa de Apoio LGBT de Galicia.

Tamén colectivos  como Arelas, Avante, Nós Mesmas, Zeivas, a Rede galega de Estudos Queer , e un longo etc imbricado nalgúns casos en organizacións feministas, sindicais ou políticas que loitan pola visibilización da realidade das compas trans e a adquisición de dereitos, agora no punto de mira pola recén aprobada Lei para a Igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos LGTBI.

En primeira liña loitan no país Daniela Ferrández, Xácia París, Laura Bugallo, Cristal Caride, .. e moita máis persoas que se significan para axudar a moitas outras ocultas baixo a opresión diaria dos que non aceptan a diversidade. Elas son referentes para nós e a súa constancia e dignidade empodera e exemplifica unha realidade en ocasións descoñecida.

Os Plans de Igualdade da maior parte dos centros (con nomeadas excepcións) son encargados a técnicos ou/empresas para cumprir a norma pero non son traballados, asumidos e levados á práctica na aulas, nas que carecemos de tempo e recursos para unha correcta implantación dos mesmos. A vaga obrigatoriedade na formación en igualdade en módulos legais é a todas luces unha mostra da falla dun plan real de actuación.

Queda a optatividade do profesorado establecer un Quérote+, unha actividade sobre educación afectivo-sexual ou mesmo dar saída a comportamentos diversos en relación ao xénero que poidan  xurdir na aula.

A CUT como sindicato feminista de clase leva anos traballando na defensa da diversidade, en derrubar os muros que impiden o acceso ao mercado laboral das compañeiras/os/es diversos e defendendo tamén unha  realidade laboral digna para aquelas a quen o ostracismo laboral conduce ao traballo sexual como fonte de ingresos.

Dende as nosas aulas construímos futuro e as persoas que determinarán que sociedade viviremos: nas nosas mans, compañeiros docentes, está formarnos, construír e fomentar o respecto e solidariedade por a sociedade diversa  na que vivimos.

Avante a diversidade

Avante a tenrura dos pobos diversos