A ILP é a única vía para garantir un Concurso de Méritos nas administracións galegas coa vontade e defensa dos grupos parlamentarios no Hórreo e a voz das afectadas
Tras unha campaña de socialización e recollida de sinaturas por todo o país, compañeiras e simpatizantes, acadamos o apoio de máis de 10.000 galegas e galegos para a tramitación dunha Lei que consolide ás empregadas públicas galegas precarizadas.
Os máis de 60 fedatarios repartidos polo territorio lograron de man do sindicalismo alternativo da CUT este fito que vén remarcar a necesidade urxente de atopar unha vía de solución negociada ante a inminente tramitación do Proxecto de Lei de reforma do EBEP no Estado a finais de outubro: un acordo decepcionante para a meirande parte do persoal que dificilmente cumpre o requisito formulado dos 10 anos traballados na mesma praza non convocada. Porén introduce unha oportunidade que a CUT vén defendendo dende sempre e que se plasma na ILP presentada: a administración recoñece a posibilidade de sancionar a situación de abuso a través dun concurso de méritos.
Neste outono, batallaremos no Parlamento galego para defender o concurso de méritos restrinxido para todas as traballadoras en fraude de lei grazas ao respaldo das sinaturas das galegas para levalo a cabo.
Pero ben é sabido que as vontades políticas non se artellan só a base de discursos parlamentarios, senón que será preciso que o apoio siga estando presente nas rúas: a chave agora é o apoio á ILP de consolidación mediante mobilizacións e resposta aos chamamentos nos que o pobo galego temos que responder unido pola calidade dos servizos públicos, a estabilización do persoal público e a negativa a seguir soportando políticas de precarización sobre a clase traballadora, pública ou privada.
A ILP chega ademais nun momento no que non pode ser cuestionada a teor do proxectado no RDL aprobado o pasado 21 de xullo e que vai dar traslado á creación de mecanismos de consolidación ás comunidades autónomas e entidades locais, que serán quen deba propoñer as súas propias medidas. O PSOE acaba de avalar no Congreso a opción do concurso de méritos mentres o BNG tamén se posicionou de forma clara na defensa da clase obreira abandonada á súa sorte.
Non imos permitir que só se estabilice ás 2.000 persoas ás que Feijoo recoñeceu onte a situación de fraude de lei de máis de 10 anos, ante a aprobación do RDL. Como responsable máximo das administracións e entidades públicas galegas o seu recoñecemento ten que ser para todas as persoas en fraude de lei da Galiza: aquelas que levan 3 anos desempeñando traballos de carácter temporal, tal e como recollemos na ILP. Onde eles nos tentan dividir, nós imos amosar unión de clase traballadora precarizada polos poderes dos gobernos español e galego.
Para rematar, dende a CUT Galiza queremos agradecer a toda a poboación galega o seu apoio e solidariedade cara ás traballadoras ás que afecta esta Iniciativa Lexislativa Popular e a todas as persoas implicadas na redacción, tramitación e recollida de sinaturas cunha vontade e traballo polo ben común que debe ser exemplo que nos acompañe na nosa loita na defensa dos servizos públicos.