Obrigáronnos a facelo

450

Recordaremos o mes de agosto de 2025 coma ese verán no que a política forestal do PP arrasou a provincia de Ourense. As consecuencias do desleixo intencionado da Xunta cos montes do país superan cifras impensables: estímanse máis de 90.000 hectáreas calcinadas, só en Ourense,  montes que foron berce de vida convertidos en cinza, decenas de casas e vidas arrasadas, bombeiros en estado grave, brigadistas e voluntarias exhaustas, veciñanza con medo e pena no corpo. Con elas tamén a nosa memoria, a nosa cultura e as paisaxes enraizadas a cada unha de nós. A mágoa e a impotencia de saber que o noso ardía atravesounos ben fondo a todas.

A causa é política, consecuencia directa dun modelo forestal que prioriza o beneficio económico por riba da vida, da seguridade e do equilibrio ecolóxico. Froito dunha política de abandono, dunha xestión forestal pensada, coma sempre, para o beneficio duns poucos e para desgraza de todas. Mais fronte esta destrución xurdiu a forza colectiva e a solidariedade infinita que dá sentido a un pobo.

 Nestes días apagamos as consecuencias do capitalismo máis feroz entre o literal e o metafórico. A unión e a forza inundaron a Central Unitaria de Traballadoras en Ourense,filiadas e grupos de voluntarias fomos tecendo unha rede de solidariedade. Puxemos todo o empeño para recoller alimentos, auga e materiais para elaborar máis de 400 batelumes, movidas pola impotencia de non poder poñer o corpo en sufocar o inferno que cada día collía máis forza.

Quixemos facer trincheira para as veciñas e as equipas de extinción e tamén para todas aquelas persoas que non se renden mentres o lume segue activo. Puidemos converter a dor en acción e a rabia en solidariedade. Por iso queremos agradecer a todas as que colaborastes co sindicato, dende a doazón máis pequena até a entrega total no monte: puxestes o tempo, o corpo e o corazón onde as administracións estaban totalmente ausentes, significando á CUT como un espazo para a loita de todas.

Durante toda unha semana pasaron polo local de Ourense centos de persoas para colaborar, ducias tamén ofreceron axuda a distancia. Todas dando tanto como podían, facendo fronte á carraxe e á impotencia.

Durante toda unha semana chegamos a máis de 15 concellos da Galiza e Portugal: Oimbra, A Gudiña, Xinzo de Limia, Chandrexa, Larouco, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, O Barco, Vilamartín de Valdeorras, Carballeda de Avia, Carballedo, Folgos do Courel, Chaves.

O noso pobo volveu estar á altura; a rede, para sorpresa de ninguén, funcionou. De tal maneira tampouco sorprendeu a total inoperancia da Xunta, tanto como a falta de previsión dos concellos, mesmo cando a catástrofe tocaba xa ás portas. Nesta situación foron incapaces de abastecer áveciñanza do necesario para facerlle a contra ao lume, para salvar as aldeas. O pobo non debería salvar ao pobo. Obrigáronnos a facelo!

Malia o esforzo e apoio inesgotable, nin nós, nin quen estivo en primeira liña dos incendios puidemos evitar o  desastre, aínda agora inconcebible. Décadas dunha política forestal neglixente, de desleixo interesado non poden salvarse nunha semana. A carraxe partiunos a alma, coñecendo as causas e a falta de responsabilidade de quen tiña que poñer fin á catástrofe.

Polo tanto dende a CUT esiximos: 

Un modelo forestal baseado na biodiversidade, na recuperación do monte autóctono. Que non capitalice as nosas terras nin priorice un sistema de produción quecondena os animais a sufrir en macrogranxas, e baleirao noso territorio acabando cun modelo de vida que fai de barreira natural fronte aos incendios.
Un investimento público, real e continuo na prevención, coidado e limpeza do monte durante todo o ano.
Melloras laborais e estruturais para as equipas de extinción e persoal de prevención, recoñecendo o seulabor como servizo público esencial. Como sindicato, a CUT está ao carón de todas aquelas traballadoras que, pese á situación laboral precaria, estiveron defendendo a nosa terra. Cun compromiso tal que nos sitúa en débeda con elas. Demandamos un sector profesionalizado con contratos de 12 meses.
Planificación territorial que poña no centro a vida rural e freo á especulación do solo.
Xustiza e reparación para as persoas afectadas, con axudas restaurativas.
Un servizo de radiotelevisión público que funcione como a primeira fonte de información para todas as galegas e non agoche nin disfrace a realidade para beneficiar os intereses do Partido Popular. 

A Galiza, durante toda a súa historia sufriu leis aplicadas por quen sempre tiña escuros intereses económicos, feitaspor quen só entende a produtividade da terra dende a perspectiva capitalista. Distintos intereses mesturados para a destrución do monte, distintos pero facilmente agrupados baixo tres termos: expolio, corrupción e pobreza. Estes tres factores actúan como un triángulo perfecto para reducir os nosos montes a pedra. Agora, coa ansiada chegada da choiva, os montes escorregarán cara aos ríos en forma de cinsa. Nos infinitos verdes ficará só un baleiro que se converterá en eólicas, pasteiras, e mineiras… E nós non o podemos permitir!

O monte precisa vontade política, e nós estaremos aquí, organizadas, mobilizadas, atentas e esixentes. Basta xa de capitalizar e espoliar a nosa terra. Seguiremos vixiantes.