Obras nos centros públicos de ensino: cando a planificación chega tarde e mal

98
Obras centros ensino público

Nos últimos meses chegaron á CUT Ensino múltiples queixas do profesorado sobre o desenvolvemento de obras en centros educativos de Galicia. Casos como o do CIFP Manuel Antonio de Vigo, o centro de ensino público máis grande do país, ou o CIFP Fontecarmoa de Vilagarcía, amosan un patrón que se repite: infraestruturas obsoletas, planificación deficiente e falta de previsión por parte da Administración educativa.

No Manuel Antonio, o profesorado e o alumnado levan meses convivindo con ruído, po, cheiros tóxicos e unha evidente falta de medidas de seguridade, que dificultan o normal desenvolvemento da actividade docente e poñen en risco a saúde da comunidade educativa. En Fontecarmoa, tras máis dun ano de obras, prevese que este inverno non contarán con calefacción, unha mostra máis da escasa coordinación e sensibilidade coa que se abordan estas intervencións.

Resulta incomprensible que as obras se planifiquen coincidindo co curso escolar, cando os centros están a pleno rendemento, e non durante os meses de verán. Isto provoca interrupcións continuas, deterioro do material e un impacto directo na calidade do ensino. Un sistema educativo moderno e comprometido coa súa comunidade non pode funcionar con infraestruturas que se caen a anacos ou se reforman a costa da saúde e do benestar de quen nel traballa e estuda.

A realidade é que moitos centros galegos non están pensados para un modelo educativo do século XXI. As aulas seguen deseñadas con criterios do pasado: espazos ríxidos, pouco ventilados, sen zonas de descanso adecuadas, cunha acústica deficiente e con problemas crónicos de mantemento. O crecemento dos centros adoita ser improvisado —engadindo módulos, pavillóns ou barracóns— sen unha visión global nin planificación a longo prazo.

Desde a CUT Ensino reivindicamos un cambio profundo na política de infraestruturas educativas. Galicia precisa centros deseñados con criterios de flexibilidade, seguridade, sostibilidade e benestar, que se adapten ás novas necesidades pedagóxicas, tecnolóxicas e sociais. Non se trata só de facer obras, senón de repensar os espazos educativos como lugares seguros, saudables e inspiradores para aprender e traballar.

As nosas escolas e institutos non poden seguir sendo obras eternas nin espazos en risco. A educación pública merece planificación, recursos e respecto. E o profesorado, o alumnado e o persoal non docente teñen dereito a desenvolver o seu labor en condicións dignas e seguras.

Desde a CUT Ensino seguiremos denunciando estas situacións e acompañando o profesorado que as sofre. A educación pública deféndese tamén desde os seus espazos.

Xuntas e xuntos, facemos forza.

 

Se queres manterte ao tanto das nosas accións, convocatorias e novas do ensino público galego, podes atoparnos en:

Correo: cutensino@cutgaliza.org

Telegram: https://t.me/taboleirocutensino

Instagram: https://www.instagram.com/cutensino/