O Xulgado do Social anula o segundo expediente disciplinario de Copo Ibérica contra un delegado da CUT

387

O pasado 2 de agosto celebrouse o xuízo, tras a demanda interposta pola CUT a Copo Ibérica, polo segundo expediente disciplinario ao Secretario do Comité de Empresa e delegado da CUT. Copo Ibérica pretendia aplicar dito expediente disciplinario sen ningún tipo de proba e con acusacións totalmente infundadas por parte do encargado de loxística e do responsábel de Recursos Humanos.

Neste caso, foi o xulgado quen obrigou na sentenza a Copo Ibérica a retirar este expediente disciplinario contra o noso delegado por non probar as súas acusacións. Unha vez máis, non lle serviu a empresa contar con cómplices sen escrúpulos como é o caso deste encargado.

Somos conscientes de que intentan frear a nosa actividade sindical e a nosa loita na defensa do cadro de persoal con este tipo de expedientes persecutorios e que esta vez non foron capaces de levar a cabo, xa que a xustiza lles puxo freo. Así mesmo seguiremos facendo o traballo para o cal fomos elixidos, co único obxectivo de loitar polas melloras das condicións de todas as traballadoras. Agardamos que a empresa reflexione e poña o mesmo empeño mellorar as condicións de traballo de todas como o que pon en intentar frear o noso.

Agradecemos enormemente as compañeiras/os que coa verdade por diante nos botaron unha man neste complicado proceso.