O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza confirma a sentenza contra PROCSA por vulnerar o dereito a folga o 8M

228

O pasado mes de decembro, o Xulgado do Social Nº3 de Vigo ditaba sentenza contra PROCSA por ter vulnerado o dereito a folga o pasado 8 de marzo. A empresa recorreu a sentenza ante o TSX, volvendo este a confirmar que o dereito a folga foi vulnerado e condenando a indemnizar ao sindicato CUT, convocante da mesma e autor da denuncia, coa cantidade de 7000 euros.

O recurso de súplica ante o TSX só serviu para que os maxistrados dixesen, textualmente, que estamos ante un caso de “crebafolguismo interno de libro”, desmontando todos os argumentos da empresa. A contundencia da sentenza non deixa dúbidas.

Dende a CUT queremos, en primeiro lugar, parabenizar ás compañeiras con conciencia que decidiron facer folga ese día pensando na mellora das condicións das mulleres, parabenizalas pola súa valentía e pola súa conciencia de defensa do colectivo por riba do individual. Sabemos que foron sometidas a presión, incluso burladas por ter feito folga, pero esta sentenza pon de manifesto que a súa actitude foi a correcta e a xenerosa para coas demais compañeiras.

En segundo lugar, a sentenza  pon en evidencia a PROCSA, que intentou minimizar o impacto dunha folga que non estaba dirixida cara á empresa, mais contra unha situación social que minimiza e prexudica ás mulleres, e á que esta actitude de empresa contribúe. Foi a primeira vez que PROCSA subsitituíu a persoas traballadoras en folga e, precisamente, foi nunha folga de mulleres. Pouca sensibilidade mostraron.

Ningún camiño na conquista de dereitos e xustiza social é doado, pero cando o obxectivo é xusto pouco importa o tempo que leve. Só se perden as loitas que non damos. As compañeiras de PROCSA deron e darán sempre esta loita.