O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos admite a trámite a demanda da CUT pola prohibición da manifestación do 1º de maio de 2020

558

O Reino de España debe responder ante o TEDH sobre a necesidade, proporcionalidade e alternativas á prohibición da manifestación decidida, despois de que o Tribunal requira ao Estado para presentar as súas alegacións.

A Sección Terceira do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (T.E.D.H.) vén de admitir a tramitación a demanda presentada pola C.U.T contra o Reino de España por vulneración dos dereitos contidos nos artigos 10 e 11 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos (consultar aquí), sobre dereito á liberdade de expresión e dereito á liberdade de reunión e manifestación pola prohibición da manifestación do 1º de maio de 2020; dando lugar ao procedemento Application no. 49363/20 CENTRAL UNITARIA DE TRABALLADORES/AS against Spain.

No resumo da cuestión realizado polo Tribunal queda clara a vontade da Central Sindical de garantir a participación, naquela manifestación programada en vehículos, con todas as medidas previstas nas normas sanitarias, prestándose incluso a adoptar aqueloutras propostas pola Subdelegación do Goberno:

O demandante propuxo aplicar medidas sanitarias apropiadas para prever a propagación do virus e expresou a súa disposición para adoptar calquera outra medida que puidese ser suxerida. As autoridades administrativas rexeitaron autorizar a manifestación, limitándose a explicar que as circunstancias da pandemia eran o suficientemente graves para que se restrinxa o dereito do demandante a manifestarse.

O Secretario Xeral da CUT, Ricardo Castro, xa manifestara na altura que “non se pode entender que nos obrigen a ir traballar, mesmo aos sectores non esenciais, en condicións penosas, sen EPI, sen máscaras, sen preservar as medidas de distanciamento social recomendadas, para que despois se poñan os lentes para determinar que a nosa manifestación, especialmente deseñada a través de vehículos para evitar os contactos e con todo tipo de garantías sanitarias para preservar a saúde, é un risco perigosísimo para a poboación de Vigo”.

Esta prohibición dunha caravana de 40 vehículos, que a CUT calificou de “hipócrita”, (nun contexto no que cada día se producían 11 millóns de desprazamentos en vehículos no Estado, e varias caravanas de vehículos de Protección Civil, 061 ou Forzas e Seguridades do Estado ocupaban as rúas para misións tan esenciais como celebrar o aniversario de Amancio Ortega), pasará agora ao exame da mesa do Tribunal Europeo.

Ata o 13 de xaneiro de 2022 o T.E.D.H. outorga un prazo para un arranxo amistoso entre Estado e Sindicato, logo do cal, o Reino de España gozará de 12 semanas para presentar o seu escrito de alegacións contra a demanda, comezando a fase contenciosa do procedemento. 

Para a CUT “a admisión a trámite por parte do Tribunal Europeo caricaturiza á perfección a farsa institucional existente no Poder Xudicial do Estado Español onde o Presidente do Tribunal Constitucional fixo uso do seu voto de calidade para tombar o recurso de amparo do Sindicato, a pesar da obvia relevancia de decidir se unha manifestación segura pode ser arbitrariamente prohibida nun contexto no que se nos chama ao traballo en medios de transporte masificados. O sacrificio gratuíto de dereitos colectivos no Estado español, cheo de Maxistrados que son meras correas de transmisión dos intereses do seu Partido, debe ser outra vez corrixido por institucións externas que advirten que interesa ou importa un exame, cando menos formal, dos acontecementos”.

A Sección Terceira do TEDH que está ao cargo do asunto ten entre os seus compoñentes ao xuíz Robert Spano, presidente do Tribunal Europeo, o que para o sindicato implica que o asunto non será simplemente coñecido como unha cuestión de puntual vulneración do dereito á mobilización e á liberdade de expresión en Galiza, senón que, cando menos en parte, se someterá a exame o réxime de liberdades no contexto europeo. A día de hoxe, os Estados burgueses están a sacrificar a súa propia formalidade derrogando en bloque dereitos colectivos como o de liberade de expresión ou mobilización baixo a escusa do securitarismo sanitario; permitindo só os movementos masivos de traballadoras e traballadores para que a máquina voraz do Capital non deixe de producir nunca.

A CUT manifesta a súa satisfacción por esta admisión a trámite, que se atopa entre o escaso 5% de demandas que o T.E.D.H decide tramitar, pero chama ao realismo, cunha mensaxe clara á clase traballadora galega sobre a mellor maneira de defender o dereito á liberdade de expresión e á mobilización, que segue a ser tomando as rúas de maneira contundente, permanente e activa, para a autodefensa do pobo traballador. 

Neste senso, o vindeiro 30 de novembro ás 19.30 horas a Central Unitaria de Traballadoras convoca unha nova marcha en Vigo, dende a Praza dos Cabalos, baixo o lema “NON MÁIS FARSA COA REFORMA LABORAL. DERROGACIÓN SI OU SI”, como mostra de preocupación da audiencia que a patronal está a atopar no Goberno Central para a conservación do núcleo dunha das reformas laborais máis agresivas da historia.