O Tribunal Constitucional certifica a defunción do dereito de manifestación durante o estado de alarma

509

Os maxistrados e maxistradas inadmiten o recurso de amparo  presentado pola CUT contra a sentenza do TSXG que confirmou a prohibición da manifestación do sindicato para o 1º de maio.

Para a Central Unitaria de Traballadoras trátase dunha manobra política para amordazar á clase traballadora: “déixannos ir traballar sen medidas de protección, pero non queren que protestemos nin cunha mobilización deseñada para respectar todas as garantías sanitarias”.

A CUT recorda que as condicións que o TC considera inseguras para unha manifestación son as mesmas nas que cada día milleriso de traballadoras acoden aos seus postos de traballo

 

A Sala Primeira do Tribunal Constitucional dictou esta tarde un auto polo que inadmite o recurso de amparo interposto pola Central Unitaria de Traballadoras contra a sentenza dictada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que confirmou a prohibición que o Ministerio do Interior impuxo a este sindicato para celebrar en Vigo este 1º de maio a través dunha caravana de coches.

O Tribunal considera “que non se dan as circunstancias que permitan o exercicio do dereito de reunión pola situación de pandemia”. “A relación entre o dereito á vida e o de reunión esixe unha ponderación pola que, ante a falta de garantías de seguridade nunha situación de máximo contaxio, debe primar o primeiro dereito”, conclúe o TC na nota informativa que emitiu.

Para a CUT trátase dun auto que agocha unha manobra política que ten por obxectivo impedir calquera mobilización da clase traballadora nun momento especialmente duro para moitas persoas e familias polas consecuencias económicas e laborais derivadas da crise. “É un auto puramente político. Non é normal redactar 29 páxinas para inadmitir un recurso de amparo para despois non encontrar nelas substancia xurídica que xustifique a suspensión do dereito de reunión e manifestación no estado de alarma. Tiñamos razón cando xa hai semanas diciamos que estabamos máis ben nun estado de excepción ou de sitio, onde efectivamente as manifestacións se suspenden”, sinala Ricardo Castro, secretario xeral da CUT.

Segundo o sindicato, con esta decisión o TC alíñase co Goberno para evitarlle fotos incómodas de traballadores e traballadoras esixindo na rúa os seus dereitos. Para Castro“non se pode entender que nos obrigen a ir a traballar, mesmo aos sectores non esenciais, en condicións penosas, sen EPIs, sen máscaras, sen preservar as medidas de distanciamento social recomendadas, para que despois se poñan os lentes para determinar que a nosa manifestación, especialmente deseñada a través de vehículos para evitar os contactos e con todo tipo de garantías sanitarias para preservar a saúde, é un risco perigosísimo para a poboación de Vigo”.

”As mesmas subdelegacións do goberno que prohiben agora as concentracións e manifestacións estiveron aprobando sen máis caravanas conmemorativas de ambulancias ou forzas de seguridade que percorreron as cidades co seu consentemento para subirlle a moral á tropa”, asegura o secretario xeral da CUT, que continúa denunciando a “hipocresía” desa contradición e a falta de valor do Tribunal Constitucional para abordar o fondo da cuestión: “non entraron no debate xurídico, a colisión de dereitos e a súa graduación no estado de alarma. Bordéanno cunha filigrana tan cobarde que nin se molestaron en propoñernos medidas de corrección para o noso deseño de manifestación se había algo nela que non fose suficientemente garantista. A última solución que debía adoptarse en dereito é a prohibición. Non propuxeron alternativas. Con iso, evidénciase todo”.

A CUT anuncia que presentará recurso en instancias europeas contra esta decisión do TC por considerar que as institucións do estado español están a aliarse para a represión masiva dos dereitos dos traballadores e traballadoras.