Manolo Camaño.
Responsable da área de Internacional da CUT
O contexto
A actual crise sistémica capitalista ademais de delatar o carácter perverso e xenocida do sistema hexemónico, coa coartada da crise sanitaria da COVID-19 as elites que mandan no mundo están desenvolvendo multitude de ensaios en todos os ámbitos das nosas vidas, utilizando ese pretexto máxico -o coronavirus- converténdoo en todo un punto de inflexión que determinará un antes e un despois na loita de clases a nivel global.
O sistema capitalista, tal como o fixo historicamente, vai resolver as súas contradicións botando man das ferramentas de explotación que lle sexan máis precisas. Aínda que a propaganda disimulada en presunta información lle faga ver á xente que todas as innovacións veñen obrigadas para darlle seguridade sanitaria á poboación, é mentira. A maioría das medidas que se nos presentan hoxe como novidades no plano laboral, da seguridade pública, no educativo ou no sanitario, xa foron estudadas durante moito tempo polos arquitectos do capitalismo, por exemplo, nos laboratorios de Silicon Valley.
Efectivamente hoxe sabemos que as elites capitalistas teñen investido inxentes recursos na investigación dos novos deseños de explotación. Multitude de enxeñeiros informáticos, psicólogos e técnicos das máis variadas esferas da economía teñen estudado os distintos instrumentos que hoxe nos son presentados como novidades impostas pola crise sanitaria, como son as teleconsultas médicas, o ensino virtual ou o chamado teletraballo.
O sistema capitalista, tal como o fixo historicamente, vai resolver as súas contradicións botando man das ferramentas de explotación que lle sexan máis precisas.
A crise capitalista é fundamentalmente unha crise de superprodución, pero non só iso. A loucura intríseca a ese sistema levou ao mundo a unha crise climática sen precedentes, pero tamén de carácter humanitario, sanitario e dunha crise política na xeralidade das institucións xestoras do capitalismo. Na presente contenda polo dominio dos recursos e dos mercados o sistema capitalista, dalgunha maneira, ten a necesidade de se reinventar.
Como se ten dito, é neste contexto onde a crise sanitaria é utilizada como pretexto para introducir as distintas ferramentas e instrumentos que, aínda que presentados como necesarios e beneficiosos para as persoas, en realidade son mecanismos de explotación sutís destinados a abaratar os custos de produción, o gasto público ou, o que é máis grave, desarmar a capacidade de resposta da clase traballadora fronte o despotismo e a crueldade capitalista.
O teletraballo
Durante a etapa de confinamento por mor da actual pandemia, o chamado teletraballo aumentou de maneira alarmante. Aínda que a taxa desta nova forma laboral sexa raquítica en Galicia comparativamente a outras áreas rexionais, o aumento foi moi considerable. Basicamente o teletraballo consiste no exercicio da tarefa laboral fóra do centro de traballo tradicional, coa utilización das chamadas Tecnoloxías da Información e Comunicación.
Como en anteriores estadios da loita de clases e dos distintos modos de produción, as innovacións xamais son asépticas ou neutras. Quen determina o signo e o carácter de ditas innovacións é a súa propiedade, é dicir, a propiedade dos medios de produción. Así ocorreu historicamente cos distintos saltos tecnolóxicos acontecidos desde os albores da revolución industrial coa incorporación da máquina de vapor ao mundo do traballo, a informática ou a robótica.
Como en anteriores estadios da loita de clases e dos distintos modos de produción, as innovacións xamais son asépticas ou neutras.
Todos estes “avances” non foron precisamente para crear mellores condicións para a clase traballadora, nin para traballar menos: foi e segue sendo todo o contrario. O obxectivo único das innovacións nun contexto de economía capitalista é o beneficio empresarial, ben sexa para reducir os custos de produción ou diminuír o risco empresarial.
Se entendemos o dito, tamén comprenderemos que quen predican desde o mundo empresarial ou gobernamental as bondades e marabillas do teletraballo, fano sabedores de que menten. Obviamente non nos van recoñecer xamais o obxectivo oculto que está detrás da súa narrativa sedutora.
O obxectivo único das innovacións nun contexto de economía capitalista é o beneficio empresarial
Os ideólogos das elites saben ben o que fan e isto, como se ten dito, non comezou onte. Existe desde fai tempo unha ampla literatura que contén todo un relato para lexitimar esta nova forma de explotación. Hoxe xa forma parte da guía de cabeceira do mundo empresarial e dos xestores da política burguesa. A partir das ideas centrais contidas no manual, desenvólvese toda unha campaña para seducir á clase traballadora e ao conxunto da sociedade e convencela dos grandes beneficios do teletraballo.
Se botamos man da literatura patronal ao respecto, chama a atención a súa linguaxe sutil, engaiolante. É ben significativo o cinismo empregado cando se afirma pretender conseguir un equilibrio entre a vida profesional e a persoal, ou harmonizar a vida laboral coa conciliación familiar.
Tamén na narrativa empresarial se presenta o teletraballo como unha fórmula voluntaria na que o traballador ou traballadora pode beneficiarse. Dinos que pode ser reversible e que as condicións e dereitos serán os mesmos que para aqueles que exerzan a actividade laboral de xeito presencial. Toda unha declaración mentireira chea de eufemismos para embaular, para seducir.
Desmontando o relato hexemónico
Imos partir da perspectiva fáctica obxectiva do teletraballo para logo abordar a máis complexa, que é a ideolóxica. Ao igual que a substitución masiva no seu día das persoas por caixeiros nas entidades bancarias ou nas estacións de servizo, a súa finalidade será cambiar radicalmente as realidades laborais e adaptalas a novas necesidades do capital e do seu lucro.
Cando a incorporación masiva de caixeiros, a patronal bancaria utilizou, como agora, razóns sedutoras e fetichistas como a libre accesibilidade horaria, a privacidade ou a proximidade co cliente. Toda unha sarta de mentiras adobiadas con cores cuxo resultado foi o despedimento masivo de traballadores e o peche tamén masivo de entidades. A patronal bancaria –e aínda non rematou– conseguiu dúas cousas: diminuíu radicalmente os custes e degolou a capacidade de resposta sindical dos seus empregados.
Ao igual que a substitución masiva no seu día das persoas por caixeiros nas entidades bancarias ou nas estacións de servizo, a súa finalidade será cambiar radicalmente as realidades laborais e adaptalas a novas necesidades do capital e do seu lucro.
A finalidade última do teletraballo é o arrendamento dos servizos ás persoas. Xa hoxe esta fórmula laboral, no sentido práctico, significa a desvinculación coa empresa no sentido tradicional para pasar a ser receptor ou receptora de ordes a cumprir e obxectivos a conseguir. A desnaturalización das relacións do traballo, tanto no sentido humano como na clave do dereito colectivo.
Quen terá capacidade de vixiar e inspeccionar as condicións de traballo dos que o manual chama colaboradores? É posible que os sindicatos? As Inspeccións de Traballo, hoxe inexistentes? É obvio que nos enfrontamos a un fito gravísimo de quebra de clase. A individualización da clase traballadora facéndoa partícipe, ademais, de decisións empresariais fronte aquelas persoas que terán que seguir realizando a súa tarefa laboral de xeito presencial.
A desvinculación daqueles que desempeñen o teletraballo os allearía dos intereses de clase cautivos do bucle esquizofrénico de sentirse distinto ou alleo aos intereses de clase
A clase traballadora historicamente organizouse para defender e reivindicar os seus dereitos nos sindicatos de clase. O principio que guiou esta práctica histórica, que superou no seu día ás organizacións gremiais, foi e segue sendo que só hai unha clase traballadora, con independencia do oficio ou rol que desempeñemos. Ca instauración masiva do teletraballo estaríamos a enfrontarnos a unha perigosísima restauración invisible dunha casta que cumpre obxectivos e o resto da clase traballadora que desempeña de maneira presencial o seu traballo e que non coñece a quen programan os obxectivos da produción.
A negociación colectiva como conquista histórica da nosa clase sería ferida de morte e a capacidade de panca sindical reduciríase. A desvinculación daqueles que desempeñen o teletraballo os allearía dos intereses de clase cautivos do bucle esquizofrénico de sentirse distinto ou alleo aos intereses de clase.
A posición do sindicalismo de clase fronte a este obxectivo do capital non pode ser dubitativa ou inxenua. A postura debería ser clara: sermos contrarias ao teletraballo por ser este un instrumento para acrecentar a explotación capitalista.