O Supremo condena de novo á Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) por vulneración da liberdade sindical ao acordar unilateralmente, sen negociación, os membros dos tribunais das probas selectivas para ampliar as listaxes de contratación dos medios públicos.
A sentenza, que casa e anula en parte a resolución do TSXG que desestimou o 16 de abril de 2025 a pretensión sindical, declara agora vulnerado este dereito fundamental e, en consecuencia, anula radicalmente todas as actuacións da Corporación relacionadas coas tres convocatorias de selección de persoal impugnadas pola Central Unitaria de Traballadoras (CUT), sindicato maioritario no ente público.
“O Supremo declara a nulidade de todos os actos e ordea repoñer as actuacións ao momento anterior a se producir a lesión. Por negarlle á CUT a súa participación na negociación colectiva, a sentenza condena á CSAG a aboarlle unha indemnización resarcitorio de 7.501 euros”
Trátase das tres primeiras probas de selección para a ampliación das listaxes de contratación temporal que a CSAG convocou na primavera de 2025, unha vez rematado o proceso de estabilización de emprego que permitiu consolidar 255 postos con persoal fixo. As listaxes de contratación temporal que se xeraron nas diversas categorías profesionais despois dese proceso resultaron ser insuficientes tras a decisión empresarial de limitar o número de integrantes e a dirección procedeu rauda a convocar probas para as ampliar. Pero para conformar aos tribunais encargados de avaliar esas primeiras probas, nas categorías de redactor, técnico de control de radio e maquilladora, o director de Recursos Humanos non contou coa preceptiva negociación que establece o convenio colectivo coa representación sindical. De facto, nomeou unilateralmente aos membros dos tribunais, conformados maioritariamente por persoal directivo de confianza -nomeado pola Dirección Xeral-, facendo caso omiso das advertencias e dos incidentes de recusación internos presentados polo sindicato.

Aínda que o Tribunal Supremo non entra nesta ocasión a valorar se é conforme a dereito que o persoal directivo (nomeado vía libre designación pola dirección xeral e polo tanto, segundo a denuncia sindical, susceptible de ser parcial ou submiso) forme parte dos tribunais de selección nesta empresa pública, si considera vulneradora do dereito fundamental á liberdade sindical a súa designación unilateral por parte do responsable de recursos humanos, tamén alto directivo. Tanto é así que o Supremo declara a nulidade de todos os actos e ordea repoñer as actuacións ao momento anterior a se producir a lesión. Por negarlle á CUT a súa participación na negociación colectiva, a sentenza condena á CSAG a aboarlle unha indemnización resarcitorio de 7.501 euros.
“A sección sindical da CUT nos medios públicos de comunicación aproveita para instar á dirección a respectar a obriga de negociación que establece o convenio colectivo da Corporación, garantindo a seguridade xurídica no acceso ao emprego público. Demanda tamén que cese na práctica de limitar as persoas integrantes das listas que derivan das ofertas públicas de emprego.”
O sindicato agardará a que a empresa execute a sentenza para coñecer o seu impacto, posto que xa se convocaron novas probas de ampliación nas tres categorías afectadas pola resolución. A sección sindical da CUT nos medios públicos de comunicación aproveita para instar á dirección a respectar a obriga de negociación que establece o convenio colectivo da Corporación, garantindo a seguridade xurídica no acceso ao emprego público. Demanda tamén que cese na práctica de limitar as persoas integrantes das listas que derivan das ofertas públicas de emprego, que a empresa prefire substituír por recurrentes probas de ampliación (moi limitadas en número de prazas) como as que agora veñen de recibir o reproche do Supremo, segundo o sindicato, co obxectivo de controlar quen accede ou non a traballar nos medios públicos.








