Ricardo Castro Buerger Secretario Xeral da CUT
Novamente anda o ruído a distorsionar calquera indicio de pensamento crítico e de clase. As ondas tertulianas, exercendo a liberdade de expresión (a súa) que é sempre de acordo coa lei (a súa), sempre de orde social (a súa) e sempre moi do capitalismo (claramente seu); critican que outros exerzan esa mesma liberdade porque non é da súa lei, da súa orde, nin do seu capital. Corren tamén ríos de tinta impresa alertando do vandalismo, do inapropiado das palabras, da vulgaridade musical dun rapeiro, dos límites que hai entre o admisible e o inadmisible; os estudios de televisión inundan as grellas con expertos en democracia e liberdade de expresión e con medidores de violencia. Exercen o seu papel de despolitización do político elevando cortinas de fume e centrando os debates no secundario, obvian, con clara intención, a contradición principal: loita de clases.
Fala o FMI e fala clariño para que os “seus” gobernos vaian tomando nota: preparade a violencia lexítima dos estados contra a violencia ilexítima dos parias.
Entrementres o FMI ditamina, e declara, que a situación económica vai ter consecuencias moi duras nas clases máis desfavorecidas, e tal situación pode desembocar en violencia porque, coma tamén recoñece, nas crises sempre se recuperan antes as clases máis altas. Fala o FMI sen pelos na lingua, a estas alturas xa non precisa de eufemismos, e fala clariño para que os “seus” gobernos vaian tomando nota: preparade a violencia lexítima dos estados contra a violencia ilexítima dos parias.
A única violencia ilexítima é a deles, a que condena ao desemprego, á precariedade, aos desaufizamentos, á pobreza, á discriminación de xénero…
Ora ben, a linguaxe e os discursos dominantes son tamén os das clases dominantes, pero iso non os fai certos. Nós, a clase traballadora consciente, debemos comezar a nosa loita pola conquista das palabras e falar moi clariño.
A única violencia ilexítima é a deles, a que condena ao desemprego, á precariedade, aos desaufizamentos, á pobreza, á discriminación de xénero… violencia que completan co exercicio da forza contra nós, cos seus mamporreros uniformados e mononeuronais que, detrás dunha bandeiriña, un escudo, un casco e unha porra, só agochan o servilismo ao amo.
O ruído falsea debates e pensamento, o ruído repite que os disturbios non son pola liberdade de expresión, que son para roubar e dar renda solta á violencia. O ruído fala dos colectores queimados, de vandalismo, de condenar a violencia dos condenados… o ruído e a furia van xuntos. O ruído é deles, a furia nosa.
A historia fálanos sen ruído e di que non houbo dereito que o pobo traballador non tivera que conquistar, porque a clase dominante nunca cede voluntariamente os seus privilexios de clase. A historia dinos que as súas portas son violentas, non existen as sínteses históricas que dean paso a unha nova realidade en paz e harmonía, a dialéctica histórica é violenta. Pero hai violencia necesaria e nosa, a da clase oprimida que busca a conquista dos dereitos para o común, e hai violencia da clase dominante que é exercida para manter e aumentar os privilexios de clase.
Xornadas de oito horas, vacacións, seguridade social, conciliación, pensións… nada foi conquistado sen represión e violencia.
Non defendemos nós ao lumpen que poida filtrarse nunha manifestación, pero tampouco imos, cinicamente, a criticar a quen rouba un teléfono móbil nun escaparate rebentado, porque o capitalismo repetiulle mil veces que estaba ao seu alcance e era o seu dereito ter ese móbil que agora non pode mercar en cómodos prazos porque xa non ten traballo. Moito menos imos criticar que ardan colectores e se constrúan barricadas nas nosas urbes, as mesmas barricadas que pintou Delacroix cando a liberdade guiaba ao pobo na Francia de 1830, e que seguro admiran os políticos que hoxe condenan a violencia (a nosa, non a deles).
Xornadas de oito horas, vacacións, seguridade social, conciliación, pensións… nada foi conquistado sen represión e violencia. As rúas non están a falar de rap ou de liberdade de expresión, iso tan só é un detonante coma o pan na revolución francesa. As rúas falan de loita de clases, dun acontecemento histórico que leva a desenvolverse dende o ano 2008, a lume lento. Acontecemento que tivo unha oportunidade, no político, e que foi traizoada pola chamada nova política do “podemismo”, que asumiu o mesmo papel de amortiguador que na Transición xogara o PSOE. Roma non paga traidores, por iso volven coller pulso as rúas, e agardemos que desta vez non escoitemos os cantos de serea. Só na loita, que sempre ten condición de violencia, conquistaremos a historia e o futuro.