O réxime envía á cadea a cinco mineiros asturianos

58

Cinco mineiros asturianos veñen de ser condenados cada un deles a dous anos e seis meses de prisión. A sentenza inclúe para cada mineiro unha multa de oito euros diarios durante vinte meses así como sesenta días de localización permanente.O fallo non é de 1965, aínda que o pareza, senón que se produciu hai dous días. Máis unha vez o fascismo amosa a súa faciana máis terrorífica exercendo a represión sindical indiscriminada para tratar de socavar a clase traballadora do carbón asturiano.Ninguén dubida da responsabilidade do noso sistema xudicial, estrutura institucional sen depurar debidamente no posfranquismo e que funciona tamén como ferramenta anti-obreira ó servizo do capital. Con todo, e téndomos en conta o marco legal vixente, para a CUT o problema de fondo radica nun réxime agónico que teima de forma progresivamente crecente en exercer unha represión social extrema coa pretensión de eliminar os dereitos básicos de todo o proletariado. E apuntabámolo nesta mesma web hai uns días verbo da “Lei Mordaza”: a práctica da “doutrina do shock”, a través do caso Charlie Hebdo e outros despistes, non é tampouco unha casualidade. Estamos ante un novo deseño do capitalismo mundial para enfrontar esta etapa histórica marcada polo empobrecemento das capas populares mentres continúa a rapina da gran empresa e do poder financeiro en Occidente e naquelas zonas do mundo que aínda non están baixo control estratéxico desde o punto de vida político, económico ou militar.A alternativa da clase traballadora non é outra que a acumulación de forzas para modificar a correlación real. O cambio conséguese na rúa que será o factor determinante que condicione o futuro noutras instancias. Hoxe son estes compañeiros asturianos os prexudicados e mañá mesmo poderá ser calquera persoa galega por participar nun piquete de folga, por ter un mínimo de conciencia obreira ou, simplemente, por defender os seus dereitos.Nese sentido a CUT quere manifestar de forma enérxica a súa solidariedade cos cinco mineiros asturianos e, coma sempre, estará presta a apoialos na mobilización.