As medidas de reaxuste neoliberal para referendar o capitalismo como sistema ahistórico, sostíbel mesmo, ou sobre todo, contra as condicións de vida e supervivencia da maioría social, viven hoxe un proceso de aceleración na periferia da Europa do Capital, aos ditados do Fondo Monetario Internacional e a amalgama toda de institucións que están a desenvolver un programa de primeiros auxilios deste sistema que se concreta na demolición do conxunto do mal chamado Estado de Benestar.Se os primeiros efectos dunha crise estrutural como a que estamos a vivir se manifestan visiblemente no ámbito económico, onde o esgotamento da reprodución económica e acelerada deste sistema se fai manifesta, non tardan en esmoroarse as estruturas políticas, xurídicas e culturais perpetuadas no seo do mesmo. Así, a involución agresiva do “Estado Social e de Dereito” europeo, que se concreta tanto na reforma das políticas punitivas e de represión, eis a suspensión do “libre” circulación de persoas (e) mercadorías asinada en Schengen (ao servizo, por suposto do capital), a reforma da lei da interrupción involuntaria do embarazo e mesmo a intención de reestablecer a cadea perpetua na prevista reforma do Código Penal español.Decae necesariamente, e diante da espectacular incapacidade de resposta frontal da clase obreira, os discursos e prácticas do Estado Social, que acumulaba unha serie de garantías sociais como concreción do que foi unha conquista histórica da clase traballadora. As talladas á Educación, á Sanidade ou aos Servizos e Dereitos Sociais forman parte hoxe dun programa político firme das clases dominantes para reanimar a economía capitalista e reafirmar o seu dominio, malia os moitos custos que está a conlevar isto para o conxunto da nosa clase.Hoxe mesmo, o novo Real Decreto aprobado como é xa costume nas prácticas do Partido Popular ás escuras e pola ía da urxencia, recolle unha das propostas máis agresivas do neocon: o repago pola Sanidade, días despois de lle ter dado unha tallada histórica ao noso sistema de sanidade pública.No texto prevese o incremento das aportacións en farmacia das personas asalariadas, pasando do 40% ao 50%, a obriga das personas pensionistas de achegar un 10% nos gastos de farmacia, os famosos 8 ou 16€ ao mes, e mesmo a revisión da carteira de servizos, posibilitando a eliminación dalgunhas prestacións e tratamentos, repago en prestacións técnicas, hostelaría, servizos de urxencia, transportes sanitarios etc.É, ademais, unha medida que promove a exclusión da poboación migrante, ao deixar fóra da asistencia sanitaria ás persoas sen permiso de residencia cunha modificación de calado na xa intolerable Lei de Estranxeiría.Ficou claro que a resposta que o goberno do PP decidiu darlle á masiva folga xeral do pasado 29 de marzo, especialmente concorrida en Galiza, foi pasar a navalla polo corazón do noso sistema de servizos públicos e servizos sociais, desestabilizando todo o noso edificio de garantías sociais.É por iso que a Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras decidiu centralizar a campaña deste primeiro de maio baixo a lenda “en loita polos servizos públicos e dereitos sociais” e é por iso que dende esta central sindical seguiremos mobilizando e chamando á concreción daquelas medidas de resposta obreira, entre as que se atopan as Folgas Xerais, que cómpran xa non só para mitigar os efectos destas medidas, senón para poñer en cuestión nas rúas a inviabilidade deste sistema antiobreiro e a necesidade de repensarmos colectivamente no exercicio da loita frontal cales son as condicións materias para un reparto equitativo da riqueza social e tamén, as fórmulas para construír dende a ampla comunidade obreira un novo sistema social onde se garantan unhas condicións de vida non precarias para todas e todos nós.Máis forte do que nunca: avante a clase traballadora galega e a unidade sindical.