O que non se pode consentir nas oposicións de ensino

182

O sistema de ingreso aos corpos docentes, de inspección educativa e adquisición doutras especialidades non só debe ser transparente, obxectivo, e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade senón que ademais debe parecelo.

Finalizadas as oposicións e ás portas do comezo dun novo curso,  cómpre poñer o foco naqueles aspectos moi mellorables cando se fala de emprego público:

  1. As probas escritas deben ser anónimas. E así o é na maior parte do Estado Español (tan solo en Galiza, Rioja e Asturias faise lectura dos exames escritos). Resulta sorprendente cun alumno da ABAU teña máis garantías cunha persoa opositora.
  2. Aquelas probas que non sexan escritas deben ser gravadas. É o único xeito de que ante unha reclamación se poida revisar ou volver a valorar. No mundo das tecnoloxías da información é incomprensible que non se faga.
  3. As persoas que presiden os tribunais deberían ser nomeadas tamén por sorteo e en todo caso, debería limitarse temporalmente o cargo. Presidir un tribunal implica decidir o contido das probas prácticas onde se criba a maior parte dos aspirantes, é fundamental que ese facultade non recaia sempre nas mesmas persoas, hai casos de case unha década sendo presidentes. Para descartar calquera dúbida de arbitrariedade, cómpre renovar e escoitar outras voces. 
  4. Os méritos para o baremo da fase de concurso deben ser valorados por unha comisión diferente ao tribunal da fase de oposición. Noutros territorios constitúense comisións de valoración integradas por docentes que se encargan desta tarefa.
  5. En todas as especialidades, as probas prácticas deben ser representativas do que realmente vaise necesitar para dar clase, non se trata de facer probas inaccesibles, demasiado extensas e/ou preguntar calquera cousa que poida ter unha vinculación mínima co temario. O artigo 56.2 da Lei de Emprego Público de Galicia establece que “nos procesos selectivos coidarase especialmente a conexión entre o tipo de probas a superar e a adecuación ao desempeño de tarefas das prazas convocadas
  6. Cómpre lembrar que estamos ante un sistema de concurso-oposición. Isto implica que a experiencia docente é un elemento importante a ter en conta. Pero para que se poida valorar é preciso que supere a fase de oposición un número maior de aspirantes que prazas convocadas, especialmente en secundaria onde na maioría das especialidades a fase de concurso é irrelevante.
  7. Debe poder reclamarse cada fase de oposición e as persoas opositoras deben ter acceso a unha copia do seu exame, os tribunais deben contestar motivadamente por escrito facilitando copia das correccións e dos documentos de valoración das probas. Non pode depender da cortesía do tribunal atender aos opositores, e deben empregarse instrumentos de avaliación claros. Isto inclúe o procedemento de adquisición doutras especialidades no que con demasiada frecuencia argumentase “falta de profundidade técnica” para cualificar como “non apto/a” sen precisar en que fallou ou non o aspirante, ou que contidos faltaron na exposición. A discreccionalidade do tribunal nunca pode converterse en arbitrariedade.
  8. Ao igual que facemos cos nosos alumnos, todos os instrumentos de avaliación deben ser coñecidos antes de realizar o exame. Deben elaborarse, por comisións de docentes en activo, rúbricas de todo o temario para a corrección do exame teórico, revisarse periodicamente e estar publicadas e vixentes ao tempo da convocatoria. 
  9. Quen teña prestado servizos como interino ou substituto, polo menos durante un curso escolar, debería estar exento da realización da fase de prácticas

 

Lembra: se es interino e substituto non esperes a afiliarte unha vez que aprobes as oposicións, os sindicatos deberían defender os nosos dereitos independente da nosa situación administrativa. Se xa es funcionaria/o tamén che afecta: un sistema xusto e transparente é garante do noso exercicio como membros do órgano de selección, pensa que tes o mesmo dereito que calquera para presidir un tribunal, participar nos procesos selectivos é mérito baremable en concursos. Por último, como parte dunha sociedade democrática temos a obriga de esixir que o acceso á función pública sexa rigoroso, obxectivo e afastado de calquera dúbida de parcialidade.