O próximo 26 de xuño celebramos a Conferencia Nacional “Pensarmos a CUT”

250

O vindeiro sábado 26 de xuño celebraremos unha nova Conferencia Nacional, que terá lugar no novo local nacional de Compostela, situado no barrio de Sar.

Ao inicio da Conferencia realizarase o acto de inauguración deste novo espazo, que consistirá na proxección dunha peza audiovisual que recolle o proceso das obras de acondicionamento da nave nas que participou a propia base da CUT.

Nesta conferencia, que leva por lema “Pensarmos a CUT”, imos debater, opinar, intercambiar ideas e percepcións sobre o sindicato, o mundo laboral e o contexto ao que nos enfrontamos, no inmediato e a medio prazo. Para a análise do contexto político-sindical debatirase a través de tres liñas de traballo (acción sindical, acción nas rúas e solidariedade obreira), dándolle especial relevancia a avaliar como a pandemia mudou o traballo sindical. Será esta a primeira reflexión colectiva que iniciará o camiño cara á celebración do VII Congreso Nacional na primavera de 2022.

A pandemia obrigounos a limitar o aforo, polo que a participación será por representación ponderada das comarcas do sindicato. Porén, entendemos que os colectivos só teñen sentido se cada unha de nós somos quen de recoñecernos neles, polo que agradecemos ás afiliadas a participación nos debates comarcais previos e animamos a seguir asistindo ás asembleas que temos convocadas nestes próximos días.

Lembramos, ademais, que esta conferencia será tamén o primeiro acto de inauguración do local nacional do sindicato, que recuperamos e transformamos coas mans de todas e onde debemos retomar o pulso da construción de clase, acollendo neste espazo a xestión sindical, o encontro e a formación e cultura obreiras. Queda en nós convertérmolo no fogar de todas as que conformamos a CUT!