“O proceso saharauí na encrucillada” nos venres culturais da CUT

140

A Central Unitaria de Traballadoras dando continuidade ás actividade dos Venres Culturais organiza unha nova xornada de debate para falar e coñecer a realidade da loita do Pobo Saharauí por recuperar os territorios ocupados por Marrocos.

A resistencia do pobo Saharauí cumpre máis de 50 anos tras a colonización española e a posterior invasión do seu lexítimo territorio por parte do estado marroquí , que provocou a saída forzosa de miles de persoas.

“No acto deste venres, que terá lugar ás 19:30 h no local da CUT en Cangas, contamos coa participación no acto de Mohamed Salem Hamma, o actual Secretario de Relacións Internacionais e de Cooperación de UGTSARIO.”

Na actualidade nos campamentos de Tinduf, formados por Smara, Dajla, Auserd, El Aaiún e Bojador, viven máis de 150.000 persoas que seguen a exixir o dereito a volver á súa terra.

No acto deste venres, que terá lugar ás 19:30 h no local da CUT en Cangas, contamos coa participación no acto de Mohamed Salem Hamma, o actual Secretario de Relacións Internacionais e de Cooperación de UGTSARIO.

Foi elixido para esta responsabilidade no X Congreso Nacional, celebrado na wilaya de Dajla do 16 ó 20 de abril pasado. Pertence a unha nova xeración de dirixentes saharauís, xa nacidos nos Campamentos de Refuxiados de Tinduf. A súa ascendencia sindical anterior ao cargo actual foi no sindicato de profesores e no ámbito da cultura.

O Secretario Xeral da CUT, Ricardo Castro, o Secretario de Relacións Internacionais, Manolo Camaño, o Secretario de Acción Sindical, Vítor Mariño e Rebeca Porto, compañeira da executiva de Vigo reuníronse hoxe nesta cidade con Mohamed Salem Hamma, nun encontro no que falaron das relacións entre os nosos pobos e do compromiso firme e inamovíbel da CUT coa causa saharauí, unha relación histórica que continuaremos reforzando a través dos acordos e convenios acadados.

“A loita do pobo saharauí é parte da loita global contra o imperialismo, o colonialismo e a explotación dos pobos e por este motivo a CUT dende o seu nacemento tivo e ten unha posición clara e honesta co Pobo Saharauí”

A loita do pobo saharauí é parte da loita global contra o imperialismo, o colonialismo e a explotación dos pobos e por este motivo a CUT dende o seu nacemento tivo e ten unha posición clara e honesta co Pobo Saharauí esixindo:

  • O dereito do Sáhara Occidental á autodeterminación e independencia
  • Condena da ocupación ilegal do Sáhara Occidental por parte de Marrocos desde 1975
  • Denuncia ante o estado español por abandonar o Sáhara sen garantir a súa descolonización e manter unha postura favorable aos intereses de Marrocos, especialmente nos últimos anos.

Animamos a todas as persoas a participar no encontro.