O proceso bolivariano segue adiante

174
  • Nicolás Maduro investido Presidente.

Chegou o 10 de xaneiro e Nicolás Maduro Moros gañador das Eleccións Presidenciais foi proclamado Presidente Constitucional da República Bolivariana de Venezuela. O que acabamos de afirmar era xa unha obviedade antes do día dez, pero a brutal campaña propagandística desenvolvida a nivel internacional polo imperialismo fixo dubidar a unha parte importante da poboación do chamado “mundo occidental”, escrava da manipulación e da mentira convertidas en portadas dos periódicos e televisións.

Ter a oportunidade de vivir o acontecemento nas rúas de Caracas provocounos envexa san. Comprobar a lealdade e o apoio masivo dos sectores populares ao proceso bolivariano, produce unha enorme alegría e aclara e disipa dúbidas provocadas pola desinformación e pola propaganda colosal dos medios do inimigo, aínda que se disfracen de demócratas. Bo exemplo do que dicimos témolo no periódico El País e RTVE. A “información” fabricada non tiña que ver en absoluto co que se vivía nas rúas de Caracas.

Mentres estes medios reproducían as imaxes manipuladas supostamente no sector de Chacao protagonizadas por unha louca desquiciada enriba da caixa dun camión e rodeada duns cantos de centos de persoas, no centro de Caracas unha multitude de centos de milleiros de homes, mulleres e meniños dirixíanse ao Pazo de Miraflores para festexar o nomeamento de Nicolás. A alegría e o carácter festeiro do pobo venezolano non se deixou amedrentar polas ameazas que chegaban dos centros operacionais do imperialismo.

  • A manipulación criminal.

Se houbese que facer unha análise (non é o momento) seria e rigorosa do proceso que se viviu en Venezuela nos últimos vinte e cinco anos, sen dúbida o factor protagónico despois da figura senlleira de Hugo Chavez Frías, foi e é a manipulación máis vil e feroz que un se poida imaxinar na historia da desinformación. Todo vale para prexudicar a imaxe do sistema democrático venezolano; a mentira burda, o sesgo e até a fabricación do que non existe.

Polo corrente as matrices de intoxicación informativa son fabricadas fóra de Venezuela e teñen carácter bidireccional, si, como penso destinado á opinión pública “occidental” e paralelamente como ariete para a opinión pública dentro de Venezuela. Os centros operacionais varían segundo as condicións do momento e as variables da política electoral. Iso si, Madrid ademais de refuxio para a burguesía e ladróns escapados da patria de Bolívar, estivo sempre en primeira liña; hoxe Bos Aires substituíu a Bogotá e Quito posiblemente ocupa a posición de Lima noutra hora.

 

Ademais débese ter en conta que a maquinaria de mentir contra a revolución Bolivariana, non só ten utilidade política senón que achega grandes ganancias a multitude de mercenarios e mercenarias disfrazados de xornalistas agachados na impunidade que lles brindan os estados implicados no acoso a Venezuela.

A pesar da manipulación criminal, das ameazas, o Inmundo González e a cohorte de expresidentes acompañantes (supostamente) foron quen de poñer un pé no territorio venezolano.

  • MCM, a louca desquiciada e Inmundo matacuras.

Ao longo da historia do proceso revolucionario bolivariano dende que Hugo Chávez fora elixido Presidente en 1999, a chamada “oposición” adoitou distintos persoeiros en función do momento ou da resolución das disputas internas da mafia opositora. Así nas cunetas da Historia quedaron sinistros actores como Antonio Ledezma, Ramos Allup, Capriles ou Leopoldo López, por non nomear a todos.

Para este capítulo que culminou o pasado día 10 de xaneiro coa investidura presidencial, a oposición xogou coa carta de Edmundo González Urrutia como candidato a Presidente e MCM, María Corina Machado, como madriña de cerimonias e verdadeira muxidora da alternativa opositora ao chavismo. Ao estar inhabilitada para ser candidata xogou a carta do González Urrutia, un sinistro e vello diplomático implicado como soporte loxístico nos anos noventa aos asasinatos de cregos no Salvador.

Doutra banda a MCM é unha rancia representante dos sectores mais recalcitrantes da burguesía venezolana, pero non só iso, a súa longa  traxectoria na política venezolana puxo as claras a súa ideoloxía fascista non disimulada. Ademais da súa personalidade mentireira, desquiciada e delirante, en demasiadas ocasións ten profesado publicamente e sen rubor os seus delirios ideolóxicos fascistoides esixindo a intervención militar imperialista en Venezuela.

No burdo sainete fracasado preparado para o día 10, esta mitónmana chegou a inventarse un “secuestro” que nunca existiu. O bochorno foi monumental, a actuación da Policía Nacional Bolivariana botou por terra a actuación delirante da louca, deixando clara a situación vivida nun vídeo publicado masivamente en todos os medios do País.

  • O apoio internacional á causa bolivariana.

O empeño manipulador do imperialismo non foi quen de impedir a presenza en Caracas de multitude de representacións dos Gobernos do Mundo. Os medios españois tardofranquistas efectivamente puxeron o énfases no titular; só os ditadores de Cuba e de Nicaragua estiveron presentes na investidura de Maduro. Non só dito titular é mentireiro senón que oculta que máis de setenta países estiveron presentes e representados a distinto nivel.

A outro nivel non gobernamental, celebrouse en Caracas durante os días 8, 9 e 11 o Festival Mundial Internacional Antifascista. Este evento multitudinario convocou a mais de dúas mil persoas representando a sindicatos, partidos, movementos sociais, intelectuais,… de cento vinte e catro países. Durante eses días ademais dos distintos obradoiros sobre o traballo, a vida parlamentaria, a muller e a cultura, os asistentes puidemos participar fronte ó Pazo de Miraflores, da intervención de Nicolás Maduro despois da toma de posesión presidencial.

  • A CUT co proceso bolivariano.

A presenza da CUT en Caracas non foi un acto conxuntural calquera senón que foi unha decisión coherente co que o noso sindicato analiza desta conxuntura histórica. Dende unha posición sindical clasista quen non entenda onde se sitúa o centro de gravidade da contradición da causa obreira e internacionalista co imperialismo e o fascismo, non entende nada. Hoxe, o apoio sen dúbidas ao proceso revolucionario bolivariano é unha obriga da esquerda sindical, política e sociolóxica.

O apoio da CUT a Venezuela é internacionalista e solidario cun proceso soberano asediado polo imperialismo dende o minuto un do seu comezo. Hoxe como antes Cuba, o imperialismo impuxo máis de 900 medidas de bloqueo financeiro e comercial ou o saqueo dos fondos soberanos do Estado venezolano que estaban fóra do país. Á decisión xenocida do imperio de combater pola vía da fame á Revolución Bolivariana, non cabe outra resposta que a posición clara de apoio sen peros nin mediocridades.

Cando dende a CUT falamos de apoio inquebrantable a este proceso facémolo ademais tendo claro o noso respecto absoluto á soberanía venezolana. Si, só os venezolanos e venezolanas poden e deben decidir sobre todo que abrangue a ese país. Non seremos nós quen cuestionemos o dereito de ninguén a discrepar ou disentir, claro que non, pero nunca caeremos na inxenuidade de tolerar ao fascismo alá ou acá na nosa terra, porque hoxe, a migración venezolana tratan de convertela nun instrumento ao servizo da política bastarda antigalega e reaccionaria.

Manolo Camaño

Responsable da Área Internacional da CUT