O PP usa a súa maioría parlamentaria contra a Iniciativa Lexislativa Popular pola Consolidación no Emprego Público

599

Na sesión parlamentaria desta mañá, na que a toma en consideración da ILP defendida pola CUT e referendada por máis de 10.000 sinaturas contou co apoio do BNG e o PSdeG, os parlamentarios do PP votaron en bloque contra a súa consideración.

Nunha nova burla do PP á soberanía popular, o voto das súas deputadas e deputados serviu para frear, con 39 votos en contra, o trámite á Iniciativa Lexislativa Popular para a consolidación de emprego do persoal en fraude ao servizo do Sector Público Galego que se debatía a proposta da CUT hoxe no Parlamento Galego. Os 33 votos de BNG e PSOE instaban a continuar coa tramitación desta norma, que esixía “decisións valentes que lle poñan couto ao drama da temporalidade no sector público”.

A responsábel de Emprego Público da CUT, Andrea Estévez, recordou na súa intervención ante a Cámara que “así é como se dilapidan os nosos recursos públicos, na dinámica máis absurda da historia: contratar, formar e logo despedir ás traballadoras abusadas. Incluso nos últimos anos, e botando man dos sindicatos de concertación CCOO, UGT e CSIF, chegáronse a pactar, de costas ás afectadas, medidas cosméticas que supuxeron auténticos ERE encubertos; dirixidos a expulsar do emprego público ás traballadoras temporais”.

Para a sindicalista “esta Iniciativa Lexislativa dá conta da preocupación masiva coa que se esixe o respecto ao dereito das traballadoras en abuso, polo que máis de 10.000 persoas se decidiron a poñerlle voz ao drama da temporalidade e agardan desta cámara unha mostra de respecto”. Un xesto de consideración que as “súas señorías” do PP están lonxe de prestarlle ás empregadas públicas temporais de Galiza.

Tanto é así que a deputada Paula Prado, involucrada nas investigacións da operación anticorrupción Pokémon, mentiu abertamente sobre a falta de competencia do Parlamento Galego para tomar medidas ao respecto, cando, segundo Estévez “a propia admisión da ILP leva aparellado un informe xurídico que determina a competencia do Parlamento Galego para impulsar esta norma, de contrario sería inadmitida polos Servizos Parlamentarios”.

Estévez recordoulle á deputada as súas manifestacións do ano 2015, nas que Prado aseguraba que a ILP “é a ferramenta para que os galegos poidan marcar na axenda política”, mostrando, dicía, “un índice de calidade democrática moi avanzado”. É esta mostra de calidade democrática do Partido Popular a que os leva, con desconsideración de todo o persoal temporal que hai atrás desta iniciativa, a rexeitar o debate desta, engrosando o 82% de iniciativas que decaen por mérito do partido no goberno.

Para Andrea Estévez “o PP tumbou a oportunidade histórica que o pobo traballador galego pon sobre a Mesa do Parlamento, amparada por 10.000 sinaturas de cidadás galegas, coa única solución legal, viábel e xusta á lacra da temporalidade: o establecemento dun instrumento para que o persoal abusado poida adquirir a fixeza, a través dun mecanismo excepcional que repare o abuso”.

A intervención da responsábel de Emprego Público da CUT en sede parlamentar remataba cunha advertencia: “Se a solución non pasa por este Parlamento teñan claro, señorías, que as rúas non calarán”. A sesión desta mañá foi mostra certeira desta realidade; “sen non seguimos enchendo as rúas e fomentando a mobilización, os responsábeis do drama da temporalidade seguirán cómodos na súa impunidade”.

A sesión non estivo exenta das tradicionais mostras de arrogancia do Goberno da Xunta, co propio presidente Núñez Feijóo, a quen Estévez recriminou terse ausentado durante todo o debate mostrando desinterese polo seu persoal, incorporándose ás presas para intentar sumar o seu voto ao bloque do non; debendo excluír finalmente o seu voto o Presidente da Mesa.

Como concluíu a representante da CUT en sede parlamentaria “tanto Paula Prado como Feijóo, interinos durante anos, esqueceron a súa precariedade pasada e a súa suposta loita sindical ao tocar a moqueta do Parlamento de Galiza”.