O persoal de UNVI, exemplo de loita, chega a acordo coa empresa

116

As traballadoras de UNVI, S.A., empresa fabricante de autobuses de Ourense, levan meses mobilizándose en defensa dun convenio digno, dun calendario laboral xusto e do respecto aos seus dereitos. Fronte ao silencio imposto pola empresa, ao bloqueo deliberado nas negociacións e aos intentos de recorte en dereitos por parte da dirección, a resposta do cadro de persoal foi exemplar: unidade, organización e loita.

Dende a constitución da mesa negociadora, a empresa escolleu o desprezo como resposta, prolongando deliberadamente a falta de diálogo, intentando arrebatar dereitos conquistados e presentando propostas afastadas da dignidade que merecen as traballadoras.

A presión colectiva, o seguimento masivo das folgas, as mobilizacións polas rúas de Ourense e a firme ameaza dunha folga indefinida de non respectarse as condicións mínimas marcadas polo persoal, obrigaron finalmente á empresa a rectificar. A eliminación do réxime sancionador por parte da empresa, motivada pola presión sindical e considerada unha liña vermella para o cadro de persoal, permitiu desbloquear a negociación do convenio e avanzar cara a un acordo.

Logo de varios meses de conflito, 14 reunións, varias xornadas de folga e coa ameaza dunha folga indefinida, a asamblea aprobou por unanimidade o preacordo acadado. Un acordo que acolle que amosa que a mobilización e a unidade dan resultados.

Este acordo establece para o ano 2026 unha subida salarial do 4,25% e unha redución da xornada anual de 16 horas. Para 2027, contempla unha subida salarial do 3,5% e unha redución adicional da xornada anual de 8 horas. Ademais, inclúe a contratación dunha póliza de seguros con coberturas máis amplas ca as recollidas no convenio sectorial do metal da provincia, a eliminación do réxime disciplinario co que ameazaba a empresa e a ausencia de medidas de flexibilidade ou bolsas de horas.

Este paso non chegou de balde: é consecuencia directa da mobilización sostida durante meses. Nada do conseguido sería posible sen a forza colectiva, a determinación e a dignidade dun cadro de persoal, que se negou a aceptar retrocesos.

UNVI convértese así nun exemplo de que a loita organizada da clase traballadora dá resultados. E por iso seguimos. Seguimos loitando.