A asamblea de traballadoras aprobou por maioría absoluta o preacordo acadado pola súa representación na xuntanza mantida coa empresa concesionaria do servizo de limpeza dos edificios da Xunta na sede da Escola Galega de Administración Pública.
Foron as numerosas mobilizacións do persoal -con malas condicións climatolóxicas incluídas- e unha convocatoria de folga de tres días, as que conseguiron dobregar á Xunta de Galicia e á empresa SAMAÍN (CLECE), concesionaria privada da xestión de limpeza dos edificios administrativos da Xunta.
A intelixencia do persoal en non caer na trampa de xudicializar o conflito foi a chave para acadar os grados I e II do complemento do posto de traballo, así como a negociación do pago dos atrasos e o dereito das persoas próximas a xubilarse para que estean incluídas neste dereito.
Parabenizamos ás traballadoras pola constancia e determinación coa que enfrontaron este conflito. Son varias as ocasións nas que históricamente o persoal de limpeza demostra á clase traballadora o camiño para ter unha vida laboral digna, acción directa na rúa e a ferramenta da folga usada con responsabilidade e astucia.
As únicas batallas que non se gañan son as que non se dan.
Viva a loita da clase obreira!