En Galicia son xa 271.284 as persoas sen traballo inscritas nos servizos públicos, é dicir 13.000 máis (un 5%) que fai un mes, e 25.453 máis (un 10,3%) que en xaneiro do 2011. Entre principios e finais dese ano, o SPEE rexistrou en Galicia 21.000 novos parados. E só no primeiro mes do 2012 (un ano no que, segundo todos os analistas, o Estado padecerá de novo unha severa recesión) sumáronse máis da metade deses novos desempregados do 2011. Son 420 ao día, dezasete por hora.
O Servizo Público de Emprego Estatal non computa todos os parados reais. Se se sumasen eses colectivos compostos, entre outros, por demandantes de emprego que cursan estudos ou módulos de formación e por traballadores afectados por ERE de suspensión, o paro rexistrado alcanzaría os 4,9 millóns de persoas no Estado e 287.773 en Galicia. É dicir, 16.500 máis que a cifra oficial.
O rexistro do Servizo Público de Emprego Estatal constatou que 1.161 coruñeses se inscribiron como demandantes de emprego, un incremento do 5,4% en só un mes, o que deixa a cifra total de parados na cidade en 22.556.
O paro creceu en xaneiro en Ferrolterra, Eume e Ortegal ata situarse no nivel máis alto, con 19.570 demandantes, 1.049 máis que no mes anterior.
As cifras publicadas indican unha situación dramática para o mercado de traballo das tres bisbarras. A secuela do desemprego afecta a case o 10% de todos os habitantes de Ferrolterra, Eume e Ortegal.
A situación é dramática e con tendencia a empeorar, a clase traballadora sofre cada día con máis virulencia os efectos dunha crise á que se lle está a dar unha saída que provoca a precariedade e o paro, méntenos cando din que as medidas que se toman son para favorecer o emprego, as receitas son sempre as mesmas e os efectos serán, tamén, os mesmos.
Para continuar co neste proxecto favorable ao capital máis salvaxe válense da nosa inacción. Temos que pasar deste estado catatónico á actividade, se non nos mobilizamos a situación non fará máis que empeorar.