O PARLAMENTO APROBA A PRECARIEDADE ABSOLUTA

53

O Congreso aprobou unha nova entrega dunha reforma laboral interminable, que comezou co desconto salarial a traballadores/as da administración pública e a conxelación das pensións seguida da xa denominada explícitamente como reforma laboral (Lei 35/2010, de 17 de setembro, de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo), continuou co pensionazo, pacto do euro, reforma da negociación colectiva, contrato de formación, eliminación do límite á contratación eventual… Cando en setembro do ano pasado comezou, oficialmente, o proceso lexislativo da reforma laboral asegurouse que ía encamiñada a crear emprego estable e de calidade, así se contemplaba no preámbulo da propia le, explicitándose como obxectivos fundamentais: “crear “emprego estable e de calidade”, “restrinxir o uso inxustificado da contratación temporal” e “favorecer unha utilización máis extensa da contratación indefinida”. Que non vos dea a risa, isto foi o que nos intentaron colar. A realidade é que só serviu para abaratar o despedimento e para que o pouco emprego que se creou fose de nula calidade tanto en dereitos como en salarios.  A verdadeira cara da reforma laboral foi tomando forma con esa e coas sucesivas normativas aprobadas até acabar, de momento, nas medidas acordadas estes días no Parlamento do estado, no que se lexislou a temporalidade permanente e, de momento, o traballo de bolseiro até os 30 anos (xa están falando da posibilidade de amplialo máis aló destes anos) cobrando a parte proporcional do salario mínimo interprofesional ao tempo de traballo efectivo. A modificación constitucional (un verdadeiro golpe de estado), non fai máis que empeorar a situación. Introduce directamente a ideoloxía neoliberal dentro da propia constitución ao establecer un teito de gasto e determinar que o pago da débeda ten absoluta prioridade sobre os gastos en aspectos tan importantes coma sanidade, educación, pensións, salarios de traballadores/as da Administración Pública… Sendo, en si mesma, un atranco máis á saída social da crise que vimos reivindicando. O que pretendía o capital e o empresariado está en fase de consecución, a precariedade absoluta está aquí. As medidas tomadas afogan á clase obreira, precarizan absolutamente as relacións laborais e sitúannos nun contexto que non ten máis saída que unha resposta contundente. Está cada vez máis claro que só os sindicatos máis combativos, e os sectores sociais máis mobilizados, estamos en disposición de dar unha alternativa combativa proporcional á agresión que estamos a recibir.   ADIANTE XA COA FOLGA XERAL!