O movemento feminista recada os cartos das sancións das multadas no 8M

138

A folga do 8 de marzo de 2019 mostrou a bravura das mulleres que fixeron folga, saíron á rúa e realizaron piquetes nas cidades e vilas de Galiza. En Compostela, un piquete de feministas fartas sinalou ás empresas que nos explotan e esmagan día a día e, por esta acción, tres sindicalistas foron sancionadas a petición da subdelegación do Goberno, tendo como único relato o da Policía Nacional.

Ante isto, a Central Unitaria de Traballadoras plantouse ante o xulgado contencioso-administrativo para solicitar a retirada destas multas coas que o Goberno, coa alianza policial, busca criminalizar e paralizar o feminismo de clase.

agradecer e visibilizar a solidariedade do movemento feminista autónomo que, fóra de recuar, deu un paso á fronte e saiu na defensa do feminismo que incomoda

Pero ante a represión, brotou solidariedade. O apoio ás compañeiras multadas non só permaneceu ante as portas dos xulgados senón tamén na previa organización de rifas solidarias a través das que conseguiron recadar os cartos desas sancións, que ascendían a 900 euros.

Dende a CUT, e especialmente a Secretaría das Mulleres, queremos agradecer e visibilizar a solidariedade do movemento feminista autónomo que, fóra de recuar, deu un paso á fronte e saiu na defensa do feminismo que incomoda e é multado. Se tocan a unha, respostamos todas e endexamais soltaremos a man dunha compañeira!